A familia ten cada vez menos influxo na transmisión do idioma propio

É unha das reflexións, asinada por Xaquín Loredo, que podemos atopar no último número da Revista Galega de Educación.

rag-numero-65-revista-educacion-lingua-infantil“Hai anos, o peso da familia era moito maior, pero agora o contexto externo ten cada vez máis peso lingüístico, porque hai máis implicados: as actividades extraescolares, os programas de madrugadores, o comedor escolar… A familia ten un peso importante pero tamén o resto”. Así o expresou o investigador Xaquín Loredo, do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega (RAG), ao referir as principais conclusións do artigo co que participa no último número da Revista Galega de Educación, artigo titulado ‘Estabilidade e cambio da lingua de transmisión familiar nos usos lingüísticos da poboación infantil galega’.

A publicación, editada por Nova Escola Galega, presentou esta semana na Real Academia Galega, o seu número 65, centrado na análise da situación da lingua galega na etapa de infantil, achegando unha serie de traballos que constatan a preocupante situación do noso idioma neste tramo de idade, vital para o seu futuro. O secretario da RAG, Henrique Monteagudo, acompañou na mesa de presentación a Mariló Candedo, presidenta de Nova Escola Galega; Antón Costa, membro do consello de redacción da revista; e Xaquín Loredo.

Henrique Monteagudo salientou que a infancia e a mocidade “son o primeiro” á hora de establecer prioridades na política lingüística, porque “non hai dúbida de que o futuro do idioma está na transmisión interxeracional”, un factor chave no que non se pode descargar toda a responsabilidade sobre as familias, advertiu. “Ás veces cúlpase as familias, cando mesmo aquelas que queren educar os fillos e fillas en galego teñen moitas dificultades, entre outras cousas porque o sistema educativo non acompaña”, declarou.

A lingua na educación infantil: Fálalle Galego
A lingua na educación infantil: Fálalle Galego

Mariló Candedo explicou que o novo volume da revista pretende contribuír á reflexión no mundo educativo, e en toda a sociedade, sobre a lingua propia na educación dos máis pequenos, “que está atravesando un momento realmente malo”, marcado no ámbito escolar polo chamado Decreto do plurilingüismo. A profesora da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña considerou que, entre outras cuestións, é preciso traballar na formación dos formadores para reforzar a transmisión do galego no ensino. “O labor normalizador [na escola] todavía se desenvolve con elevadas doses de voluntariedade, é preciso máis apoio institucional”, demandou.

O número 65 da revista recolle tanto reflexións teóricas sobre a aprendizaxe de idiomas como traballos de análise da situación real das linguas na etapa de educación infantil e un importante banco de experiencias postas en marcha por profesionais da educación. Na análise antes mencionada de Xaquín Loredo, indícase que, en contraste con outras análises referidas aos anos 90, a familia ten cada vez menos influxo na transmisión do idioma propio polo novo contexto social. Apúntase así que os procesos castelanizadores “teñen un impacto maior” entre a poboación máis nova. Distintos datos reflicten a gravidade da situación: só se lle transmite a lingua galega a un terzo dos nenos nados no século XXI e estes utilizan maioritariamente o castelán en todos os contextos de socialización onde se desenvolven diariamente, incluído o educativo, tal que así, oito de cada dez pequenos falan en castelán cos amigos.

Fonte: RAG

Reportaxe na web da TVG: A RAG alerta da escaseza de recursos para o ensino do galego en educación infantil

 

Extracto do editorial da publicación:

As nosas palabras. O compango da vida dos nenos. Moitos datos socio-lingüísticos, e moitas evidencias do que observamos arredor nosa poñen de manifesto que, en particular, nos espazos urbanos e cada vez máis nos vilegos “as nosas palabras”, en galego, veñen deixando de ser a música da vida que renova as nosas comunidades, as nosas contornas, o cheiro a mañá fresca de primavera con sol. As familias que gardan con paixón a lingua galega trasladándoa viva de pais e nais a fillos están aí, no rural e no urbano.

As mestras e mestres que con consciencia profesional educan e favorecen o desenvolvemento das criaturas ‘desde a casa cálida das nosas palabras, que son pan tenro’ tamén están aí, por veces contra vento e maré. Unha miga pequena de institucións e de servizos sociais que queren construír o apego, tamén están aí. A uns e mais aos outros podemos velos, sentilos, oílos… pequena gloria e contento, que diría Rosalía.

Porén, aquí están tamén as familias que apagaron a lingua da casa, como un traste vello ou con medo aprendido no franquismo e aínda sostido e adubado hoxe, interrompendo a transmisión interxeracional; como así mesmo aí o están as e os ensinantes despreocupados e insensibles dispostos a ‘españolizar’ e a facer prácticas de aula que, a miúdo, promoven a selectividade social. Aquí están unha boa parte dos poderes políticos, comerciais, económicos, militares, eclesiásticos ou o chamado quinto poder, que non só ‘apagan’ a lingua galega, senón que tamén a menosprezan, como ben sabemos. E a Xunta de Galicia, co seu Decreto de 2010, que acurralou parte dos esforzos que tamén nos centros urbanos se emprendían en colexios públicos, sobre todo, e especificamente na Educación Infantil, bendicindo desde diversos servizos de Inspección como se esfarelaba o que comezaba a agromar.

Con todo isto, con elementos contrapostos, parece que andamos un paso adiante e outro atrás. Os dous pés non andan a rente, como debesen. Pero aínda podemos desenguedellarnos. Aínda podemos andar cos dous pés para adiante; isto é coas nosas palabras, como compango da vida nova.

(…)

O texto completo no número 65  da publicación, con artigos entre outros de Nel Vidal, Brauli Montoya, Marcos Maceira, Xosé Antonio Formoso Lado, Francisco López, Marta Besada, María Belén Escariz, Miguel Vázquez Freire, Rafael Sánchez-Agustino Rodríguez, Cristina Campos Pérez, Sabela Lahuerta, Irene López-Goñi ou Luís Prego.

 

1 COMENTARIO

Deixa una resposta a “As nosas palabras. O compango da vida dos nenos” | Botóns Cancelar resposta

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*