Achegamos íntegro o documento de reflexión do colectivo acerca deste tema no seu último boletín.
As reválidas, un caso de indignidade política
O PP estivo negociando con Ciudadanos un pacto no que se prometía a paralización da aplicación da LOMCE «naqueles aspectos sen desenvolver». Isto é indignidade política. É un engano. Imos ver: o único que quedaba por desenvolver son as reválidas e o goberno en funcións encargouse de facelo este verán antes de asinaren este non nato Pacto.
Agora que parece que logrará o goberno sen o pacto, non podemos esquecer esa manobra. É escandaloso que un goberno en funcións aprobe unha medida que sabe contestada polo resto dos partidos, como se demostrou tanto na breve lexislatura anterior, como na presente. É aínda máis escandaloso que o faga con moita e innecesaria antelación á posta en marcha do regulado, cando o resto da lei foi aprobándose con poucos días de antelación en plena lexislatura, ou sexa que cando estaban en pleno uso das capacidades de goberno lexislaban sen dar tempo para asimilar o que se lexislaba, e agora, que non están lexitimamente gobernando máis que nos asuntos urxentes, aproban medidas cunha antelación innecesaria. Esta actitude política prepotente conseguiu xusto o contrario do que a LOMCE pretendía: lonxe de constituír un marco «uniforme» de referencia, o desenvolvemento que as diferentes comunidades están facendo desta lei —en virtude das súas competencias e das lexítimas visións educativas que non tiveronacollida por parte do goberno central na tramitación da lei— implicadiferenzas na oferta de materias, nos sistemas de avaliación e no ritmo de aplicación dalgunhas das medidas contempladas na lei. A proliferación de recursos desde diversas instancias coloca a LOMCE e, particularmente, o Decreto das reválidas, como os causantes do maior caos educativo desde o comezo da democracia, mentres o goberno en funcións repite retorica e cinicamente o mantra do Pacto pola Educación. Por se fose pouco a chafallada política que o Decreto das reválidas representa, no plano educativo agravase o seu significado.
En primeiro lugar, as reválidas significan unha forma de segregación, fomentan a desigualdade e uniformizan o desenvolvemento curricular da peor maneira posible, que é convertendo a superación dun exame no único obxectivo a lograr por parte de alumnado e profesorado. Os currículos van estar condicionados drasticamente pola proba, tanto por obrigaren a priorizar os contidos da mesma como por diferenciar as materias, dándolles máis relevancia a aquelas que aparecerán nas probas. As reválidas significan tamén desconfiar do profesorado, dos centros e do propio sistema, ao non dar por válidas as súas decisións avaliadoras, obrigando a «revalidalas» o alumnado. Queda en entredito, ou anulada na práctica, a autonomía do profesorado, pois as súas iniciativas curriculares e avaliadoras serán vistas como pouco útiles para un obxectivo final de titulación, ao que aspira loxicamente todo alumno. Tamén fomentan a competitividade entre centros, co prexuízo agardado para aqueles que reciben a poboación escolar con máis dificultades: os centros públicos.
En segundo lugar, queremos chamar a atención sobre as súas consecuencias máis evidentes e inmediatas para o desenvolvemento educativo do alumnado: a máis grave é que non se lles dá alternativa a quen non supere a avaliación de 4º da ESO. Así, á idade de 16/17 anos, ou ben perden un curso agardando a nova reválida ou ben inician a FPB, que significaría perder dous. En Bacharelato tamén é moi negativo que se faga depender desa proba o recibiren ou non a titulación de Bacharel, que lles dará acceso a traballos ou estudos non universitarios, despois de superaren unha etapa tan esixente como é esta. A perda do seu carácter de elemento decisorio para ordenar o acceso á Universidade é outra consecuencia grave da LOMCE. Seguramente a sensatez das Universidades impoña que a proba se pareza o máis posible á Selectividade anterior, tanto na súa forma como nos seus efectos; aínda así producirá situacións de dificultade para o alumnado sobre todo na súa fase transitoria, posibilitando non facela aos que veñen do sistema anterior —repetindo segundo de Bacharelato cunha ou dúas materias— coas situacións que creará para o acceso á Universidade en igualdade de condicións. Cómpre lembrar o alto seguimento que as convocatorias de mobilización contra as reválidas de primaria lograron o curso pasado, sendo Galicia a comunidade que liderou a contestación das familias. Agora a Consellería quere lograr a toda costa a tranquilidade das familias con vagas declaracións e ningún compromiso claro e concreto ao respecto destas medidas. Os medios de comunicación reflicten unha imaxe elocuente retratando só 4 gobernos submisos á LOMCE e ás súas reválidas —entre eles o galego— e, nada menos que 13 responsables de comunidades autónomas que levan anunciado diferentes alternativas e estratexias de contestación a estas medidas, mesmo con antelación á saída do propio Decreto das reválidas.
Para Nova Escola Galega as reválidas representan a peor medida educativa que contempla a deostada LOMCE e, igualmente, a súa xestión política non pode merecer máis cá nosa reprobación. Por estes motivos apoiamos e animamos a participar nas accións de protesta e mobilizacións convocadas contra as reválidas de secundaria.
Asdo. Nova Escola Galega. Outubro de 2016