Cara a unha cidadanía máis comprometida co ambiente: OportunidadesParaReciclar.gal

oportunidades-para-reciclarInformación e boas prácticas para un consumo responsable e a aplicación do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).

A campaña “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor” percorre xa o país e na rede abre un espazo, www.oportunidadesparareciclar.gal onde, de xeito actualizado, podemos atopar toda a información sobre o desenvolvemento desta iniciativa. O obxectivo é incrementar as taxas de reciclaxee alcanzar así os beneficios ambientais, económicos e sociais da mesma e para iso propóñense actividades con equipos de educadores medioambientais nas rúas, nos centros escolares, nas competicións deportivas, nos centros comerciais, nas asociacións e, en definitiva, en todos aqueles escenarios que permitan levar a cabo unha tarefa informativa, formativa e de concienciación sobre as bondades do reciclado e a necesaria colaboración cidadá no mesmo.

A campaña, promovida pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio co apoio e colaboración de Ecoembes e Sogama, ademais da participación de diversos Sistemas Integrados de Xestión de Residuos, instrúe tamén os internautas nas boas prácticas vinculadas á xestión sostible dos residuos urbanos, facendo fincapé no principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), o consumo responsable e a prevención e redución da produción de refugallos, e pon á súa disposición todas as accións, presentes e futuras, a levar a cabo en distintos municipios da nosa comunidade.

Reducir, reciclar, reutilizar
Neste contexto, a selección de envases pasa a ser concibida como unha oportunidade para conservar o medio ambiente e reciclar, de aí o esforzo en clarificar e identificar coa maior precisión a relación de residuos a depositar en cada un dos contedores habilitados nas vías públicas, recordando que, no modelo Sogama, maioritario en Galicia, o recipiente amarelo acolle latas, briks e envases de plástico; o azul, envases de cartón e papel; o iglú verde, envases de vidro; e o contedor verde convencional, a fracción resto, que a empresa pública converte en enerxía eléctrica.

Tamén se alude aos recipientes específicos para pilas, a disposición dos usuarios nas casas consistoriais, centros escolares, asociacións e establecementos comerciais, así como aos puntos limpos, recintos municipais aos que deben trasladarse os residuos de carácter especial (voluminosos, aparellos eléctricos e electrónicos, aceites, etc) para que reciban a oportuna xestión acorde ás súas características.

Así mesmo, dáse boa conta da funcionalidade do composteiro, presente xa en numerosas vivendas unifamiliares e co que os veciños conseguen elaborar un abono natural de alta calidade para aplicar nos seus xardíns e hortas, substituíndo aos fertilizantes artificiais.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*