Os gañadores do certame convocado polo Concello de Santiago en colaboración co Movemento de Renovación Pedagóxica Nova Escola Galega.
A importancia duns premios “que se recuperaron o ano pasado despois de un lustro sen convocarse” foi subliñada polo concelleiro compostelán de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, durante a presentación dos traballos gañadores da novena edición. Uns galardóns creados para recoñecer, promover, premiar e difundir publicamente aqueles materiais educativos que polo seu valor e interese poidan contribuír ao desenvolvemento educativo de Galicia, favorecendo a innovación, a calidade na educación e a renovación pedagóxica.
“Starcach”
Este traballo, presentado polo IES A Cachada de Boiro (A Coruña) recibiu o primeiro premio de Educacompostela. O xurado valorou este traballo pola temática que trata e pola diversidade de recursos educativos que propón. Considerouse especialmente relevante a fundamentación que mostra o proxecto e o grao de implicación do alumnado no seu desenvolvemento. Cómpre destacar igualmente a atención prestada á fenda de xénero no contexto dixital. O xurado tamén subliña as respostas que ofrece o material para promover o uso e difusión da lingua galega a través dos videoxogos, a robótica e os medios audiovisuais, así como a utilización das redes sociais con fins creativos.
“Ser docente a través da arte”
O segundo premio foi para o colectivo E.S.G.A.Z.A.D.O.S.”, formado por Vicente Blanco Mosquera, Salvador Cidrás Robles e Rocío Modia Vázquez. Este traballo foi destacado polos membros do xurado pola súa orixinalidade e polo esforzo por crear pontes entre a práctica docente e a creación artística. Os materiais presentados no proxecto promoven o pensamento crítico para poder cuestionar os nosos propios roles e en que medida son froito da elaboración persoal ou unha imposición sociocultural. Valorouse o desenvolvemento desta iniciativa, especialmente nun momento no que a creación artística amósase desvalorizada no currículo escolar.
“Dimenome”
Presentado por Silvia López Gómez, este traballo recibe os 600 euros do terceiro premio. O xurado destaca o deseño coidado e pedagóxico do material e as posibilidades que ofrece de traballar en diversos contextos e públicos diversos, así como o seu carácter manipulativo. Outro dos valores son as posibilidades que ofrece a proposta para traballar con alumnado con diversidade funcional en contextos “formais” e “non formais”. Tamén salienta a adaptación do material ao contexto galego, o que se ve reflectido na súa proposta de actividades e nas imaxes ofrecidas.
Mención especial
Ademais dos tres premios, houbo unha mención especial ao traballo Vivenciando a Idade Media. Unha viaxe dende os xéneros dialogados medievais “A regueifa”, presentado por Tania Vázquez García. Este traballo é destacado polos membros do Xurado pola orixinalidade e innovación á hora de tratar a Idade Media na etapa de Bacharelato na materia de Lingua e Literatura Galega. O material ofrece un número interesante de propostas e iniciativas co fin de construír coñecementos históricos a partir da literatura, así como a relacionar a literatura coas manifestacións máis próximas aos adolescentes, mediante o estudo das influencias da lírica medieval noutros ámbitos culturais.
O xurado, que fallou o premio o pasado 3 de novembro, estivo formado por: Manuel Dios Diz, concelleiro de Educación; Xosé M. Rodríguez-Abella, xefe do Servizo de Educación e Cidadanía; Sonia Fernández, de Nova Escola Galega; Mª Camino Pereiro, tamén de Nova Escola Galega; Jesús Rodríguez, do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC; Victoria Penide, do Departamento de Formación e Innovación de Santiago, CAFI; Xosé Ballesteros Rei, presidente da Asociación Galega de Editoras; e Beatriz Varela, técnica de Educación e Cidadanía, que actuou como secretaria.