Solicitanlle ás administracións aplicar cinco compromisos urxentes en materia de políticas sociais.
Perdemos un ano, os principais problemas da infancia non estiveron na axenda política e as condicións de vida de nenos, nenas e as súas familias empeoraron. Así de contundente se expresaba Adolfo Lacuesta Antón, presidente da Plataforma de Infancia, ao fío da recente conmemoración do Día Universal dos Dereitos da Infancia.
Para reverter esta situación, a Plataforma pon na mesa das formacións políticas unha lista de 5 medidas urxentes que debesen aplicarse no inicio desta lexislatura:
1. Aumentar o investimento en protección á infancia ata chegar aos índices de media da Unión Europea.
En España invístese menos en infancia que nos países da nosa contorna. En concreto, o investimento en protección sitúase en 1,3 % do PIB moi por baixo da media dos índices da Unión Europea (UE) cuxo porcentaxe do PIB sitúase nun 2,4%. Como referencia, sinalamos o período de 2010 a 2014 no que España rexistrou unha importante redución sobre o investimento en infancia ata alcanzar o 14,6%. En concreto, o investimento en políticas de infancia que as administracións públicas fan por neno diminuíu en máis de 6.300 millóns de euros no mesmo período.
2. Aumentar a prestación por fillo a cargo como principal ferramenta para reducir a pobreza e a exclusión social infantil.
A gran maioría de países da UE teñen unha prestación por fillo a cargo e o seu carácter é universal. España pola súa banda, é o segundo país da UE coa prestación por fillo a cargo máis baixa e non universal. Actualmente a dotación é inferior a 24,25 euros ao mes por fillo nas familias con rendas máis baixas. Dita prestación é imprescindible para familias con estas circunstancias pero altamente ineficiente xa que non logra sacar os nenos e nenas do risco de pobreza. Se se incrementa esta prestación ata os 100 euros ao mes, é dicir 1.200 euros ao ano, así como incrementar os limiares de familias que perciben esta prestación, supoñería sacar a máis de 630.000 nenos e nenas da pobreza relativa e outros tantos da pobreza severa, segundo datos do estudo feito por Save The Children.
3. Desenvolver unha Lei integral para combater a violencia que sofre a infancia e que se garanta a reparación dos seus dereitos, incluídas normas vinculadas á súa aplicación polas diferentes Comunidades Autónomas, tal e como recomenda o Comité dos Dereitos do Neno de Nacións Unidas nas súas Observacións finais de 2010 a España.
4. Garantir o dereito dos nenos e nenas a participar, escoitando as súas opinións en todo aquilo que lles afecta e establecendo canles estables para a súa participación no desenvolvemento de plans e leis que lles afectan, especialmente no Plan Estratéxico Estatal de Infancia e Adolescencia ou nas Comisións de Infancia do Congreso dos Deputados e o Senado.
5. Compromiso por asumir un Pacto de Estado pola Infancia para alcanzar un consenso que asegure que ningún neno ou nena viva en España en situación de vulnerabilidade a pesar das situacións de crise. Pedimos para iso coñecer:
O gasto que realizan todas as Comunidades Autónomas en materia de infancia.
As partidas específicas destinadas aos nenos e nenas nos Orzamentos Xerais do Estado co fin de xerar un acordo que facilite unha mellor cooperación entre todos, un mellor investimento dos recursos.
E pedimos a creación dun fondo social de reserva que garanta o investimento en infancia.