Os visitantes de Sogama destacan o impacto pedagóxico da infraestrutura

Os visitantes de Sogama destacan o potencial pedagóxico da infraestruturaMáis de 70 mil persoas visitaron xa o Complexo Medioambiental en Cerceda.

Quen teña xa visitado as instalacións do Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda, con probabilidade terá visto como hai por exemplo unha inxente cantidade de vidro mesturada co lixo convencional e que a empresa ten que seleccionar para facilitar a súa posterior recuperación. Todo ese vidro debera ter sido depositado no colector iglú-verde e ser destinado ás plantas de reciclaxe a través da súa propia canle e proceso de xestión. Pero alguén, moitos “alguén”, nalgún lugar, esqueceu proceder correctamente e en cambio guindou ese vidro ao caldeiro do lixo da bolsa negra ou da bolsa amarela no canto de levalo ao iglú.

O poder dos pequenos xestos e da vontade en prol da sostibilidade que cada un de nós aplica na súa vida diaria gaña relevancia fronte a situacións como a mencionada. A dimensión pedagóxica do programa de visitas ás instalacións de Sogama constitúe o aspecto mellor valorado por parte das persoas que, durante o segundo semestre do ano pasado, tiveron a oportunidade de realizar un percorrido guiado polas mesmas.

Pola súa infraestrutura industrial xa pasaron preto de 70.000 cidadáns que puideron tomar conciencia da importancia que ten reducir a produción de residuos cada día, de aproveitar ao máximo os produtos e de propiciar o seu reciclado de cara a pechar o círculo da recuperación de materiais e evitar desta forma o consumo desmedido de recursos naturais.

O profesorado destaca o valor da experiencia

A través de enquisas de satisfacción, tanto en formato papel como en liña, que os interesados cumprimentan de forma voluntaria e anónima, estes deixan constancia das súas observacións, impresións e propostas de mellora. Na súa gran maioría coinciden en sinalar que Sogama realiza un bo labor para a protección do medio ambiente e para o benestar da poboación, destacando igualmente, e cunha puntuación moi elevada, as explicacións e atencións dispensadas polos monitores, así como a aprendizaxe que para eles supuxo esta experiencia.

Lamentan, non obstante, os limitados coñecementos previos que tiñan da empresa, impedíndolles valorar con antelación, e de forma axeitada, o seu cometido. Os recursos educativos postos a disposición dos grupos tamén foron identificados como altamente didácticos, interesantes e rendibles desde a dimensión formativa.

Os profesores cualificaron a experiencia como moi enriquecedora pola oportunidade que ofrece aos escolares ver en directo o percorrido que segue o lixo desde que chega ás instalacións ata que se separa por tipoloxías e se envía aos centros recicladores, no caso da fracción susceptible de ser reciclada, ou se valoriza enerxeticamente, no caso da parte non reciclable.

Tamén chama a atención o transporte de residuos por ferrocarril ao constituír este un medio máis sostible e con menor impacto medioambiental, configurándose como un bo instrumento para reducir as emisións de CO2.

Información para solicitar a visita ás instalacións dende esta ligazón

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*