#rosalíate: Propostas para o 24 de febreiro

Agasallos, lecturas, mocións… A AELG propón unha vez máis a implicación da cidadanía no Día de Rosalía de Castro.

Os concellos de todo o país están recibindo o seguinte escrito de moción, a proposta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega:

#rosalíate: Propostas cara ao 24 de febreiro - Día de Rosalía de CastroRosalía de Castro é a escritora máis representativa da lingua e da literatura galegas. A publicación do seu libro Cantares Gallegos, o primeiro escrito integramente no noso idioma, desde a vontade firme e inequívoca do seu significado, sinala o inicio da restauración do uso escrito do noso idioma e o final de séculos de silencio e esquecemento.
A súa obra é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade. Desde o século XIX Rosalía de Castro foi homenaxeada polas galegas e os galegos como poeta nacional, pois reclamou a redención da patria galega e asumiu a voz do seu pobo, voz que guiou permanentemente a súa obra e o seu pensamento. Esta galeguidade intrínseca dos seus textos, esta comunicación e entendemento permanente co seu pobo, ao se dirixir a el no seu idioma propio, foi o que a fixo tamén poeta de todos os pobos, chegando a formar parte da nómina de escritoras máis destacadas da literatura universal de todos os tempos.

Por todos estes motivos a difusión do coñecemento da súa obra é necesaria para as galegas e os galegos, en especial para as xeracións máis novas que colectivamente contribuímos a coeducar, sendo a súa palabra feita poesía ou prosa reflexiva un dos procedementos máis eficaces para fomentar o amor á nosa lingua e comprender a nosa identidade cultural.

Por todo isto propoñemos ao Pleno Municipal do Concello de ______________ :

  • Declarar o 24 de febreiro Día de Rosalía no noso concello.
  • Emprender e apoiar a realización de actividades de promoción da obra da nosa escritora que impliquen ao conxunto dos veciños e veciñas do noso concello o 24 de febreiro, data recollida oficialmente pola Consellería de Cultura no seu Calendario do Libro e da Lectura.
  • Realizar unha lectura pública da obra rosaliana nun lugar destacado do concello na que o alumnado dos centros escolares e persoas destacadas pola súa actividade cultural teñan o papel protagonista.

Un feixe de ideas, #rosalíate
Alén da anterior proposta, aproveitando unha vez máis o aniversario do nacemento de Rosalía, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) anima a cidadanía a agasallar cun libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo, como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da web do colectivo.

Entre outros, a AELG en colaboración coa súa base asociativa está organizando por todo o país lecturas públicas da obra de Rosalía de Castro. En todos estes actos lerase o tradicional manifesto da AELG, que este ano elaborará a escritora Ledicia Costas.

Propostas aos centros educativos

Para expandir o poder da súa palabra entre a xente nova, a AELG convida a celebrar o Día de Rosalía de Castro nos centros de ensino con estas accións colectivas de difusión da súa obra:

Educación Secundaria e Bacharelato
Proponse para o venres 17 de febreiro a gravación no centro dun Mannequin Challenge. Respondendo ao lema desta iniciativa (#RosalíaTe), de xeito que o alumnado interaccione visualmente coa obra ou a figura de Rosalía (de modo, por exemplo, que no vídeo resultante se poidan ler versos completos de Rosalía de Castro, ou que se poidan intuír artisticamente os contidos da súa obra…).
Estes vídeos serían subidos polo centro á rede, antes do 24 de febreiro, coa etiqueta #RosalíaTe.

Educación Infantil e Primaria
Para estas etapas de ensino o lema da proposta #RosalíaTe pode desenvolverse a través de actividades que permitan a cada alumna ou alumno converterse na Rosalía de Castro da que se sinta máis próxima/o. Para isto, despois de facer un repaso da figura literaria da Autora,  e dalgunhas lecturas que dean conta da pluralidade significativa das súa obra, proponse para o venres 17 de febreiro que cada alumna/o elabore unha máscara de Rosalía de Castro. Esta “transformación” tamén pode conseguirse cun traballo de caracterización física da cara.
Esta iniciativa pretende, ademais, que unha vez feito este traballo, o alumnado o comparta coa súa familia e, particularmente, cos seus maiores (sexan familiares, veciñas e veciños…). Para isto faríanse fotos do alumnado caracterizado de Rosalía acompañado das súas persoas maiores, portando entre ambos un pequeno cartel cun verso rosaliano da escolla da alumna ou alumno.
A documentación gráfica sería subida á rede polo centro de ensino antes do 24 de febreiro, coa etiqueta #RosalíaTe

Podedes comunicarlle á AELG, no correo oficina@aelg.org todas as iniciativas realizadas para que dean conta delas e pasen a formar parte do arquivo da súa web.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*