“Onde o sistema lles fallou, non lles falles ti”: Apadriña un bolseiro

"Onde o sistema lles fallou non lles falles ti": apadriña un bolseiroCampaña de micromecenado aberta deica o 20 de febreiro.

“Crearemos un observatorio de bolsas” ou “Non haberá ninguén que deixe de estudar por un problema de recursos económicos”… Son algúns dos comentarios de responsables políticos de distinto signo que poden verse no vídeo elaborado polo colectivo ‘Facultad Invisible’. Á galería de promesas incumpridas séguelle unha selección de titulares que fai repaso da caída de matrículas universitarias, dos anos do “tasazo”, do aumento das taxas de abandono nos campus, do recorte de bolsas, etc

Detrás das cifras hai persoas
A asociación Facultad Invisible naceu co obxectivo de traballar pola mellora do sistema universitario español “poñendo en marcha iniciativas que sexan capaces de marcar un cambio significativo na sociedade”. E con esa meta, e subliñando neste caso que “detrás das cifras hai persoas”, iniciaron un proxecto de mecenado solidario.

O seu programa de Axudas Cidadás financiarase coa solidariedade colectiva por medio de crowdfunding e o seu propósito é recadar 14.000 euros para subvencionar nove alumnos matriculados en universidades públicas, cuxo alto rendemento académico se pode ver comprometido por unha situación de precariedade económica que as distintas institucións públicas non logran compensar. No seu vídeo e na web podedes saber máis de estudantes como Sandra García Pereira, que estuda segundo de Bioloxía na Universidade de León ou Luís González Naharro, que estuda Enxeñería Informática na Universidade de Castela-A Mancha, e que necesitan axuda para continuar os seus estudos.

Obviamente, é apenas unha pinga nun mar de problemas, pero máis aló do feito de que só nove persoas vaian poder beneficiarse desta iniciativa é moi importante o debate que proxectos como este poden axudar a xerar, amplificando fronte á cidadanía os problemas que causa o deficiente sistema de bolsas actual.

A campaña, aberta na web Kumiku, permanecerá dispoñible ata o próximo 20 de febreiro.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*