O CSD é partidario de sumar unha hora de Educación Física en Primaria e Secundaria

O CSD é partidario de sumar unha hora de Educación Física en Primaria e SecundariaNo marco da estratexia de loita contra o sedentarismo, que causa ata 50 mil mortes anualmente.

O ámbito escolar é unha das liñas de actuación onde o Consello Superior de Deportes (CSD) considera que debe actuarse prioritariamente na loita contra o sedentarismo e, nese sentido, é obxectivo do organismo, promover o aumento a curto prazo dunha hora semanal para a materia de Educación Física tanto en Educación Primaria como en Educación Secundaria.

Así o indicou o CSD durante a presentación da “Estratexia de Fomento da Actividade Física e loita contra o sedentarismo”, co novo secretario de Estado para o Deporte e presidente do CSD, o galego Xosé Ramón Lete Lasa, á fronte. O principal obxectivo é que a poboación a día de hoxe fisicamente inactiva acceda á práctica do deporte e cumpra coas recomendacións da Organización Mundial da Saúde. Así, cando menos, nenos, nenas e adolescentes deberían practicar unha hora ao día de deporte, e os adultos, como mínimo, dúas horas e media cada semana.

A práctica deportiva non só mellora a saúde e prevén enfermidades, senón que incide claramente na redución do gasto da sanidade pública. O estudo do CSD titulado “Actividade física e prevalencia de patoloxías na poboación española” así o recolle, alertando que ata 50 mil persoas poderían estar falecendo cada ano por doenzas vencelladas á falta de actividade física que, a día de hoxe, podería considerarse xa como o cuarto factor de risco de mortalidade. O dez por cento do gasto sanitario podería estar derivado deses malos hábitos da cidadanía. Sete de cada dez cidadáns adultos non fan ningunha actividade física, e só catro de cada dez practican algún deporte, ocasionalmente, no seu tempo de lecer. Diabetes, hipertensión, depresión, ansiedade, hipercolesterolemia e outras doenzas están estreitamente relacionadas coa falta de exercicio.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*