O ‘Quero Cantar’ agarda polas vosas pezas!

Quero Cantar, certame de música infantil en lingua galegaO “Quero cantar”, o único concurso de música de música infantl e xuvenil feita por rapaces e rapazas en galego, inicia a súa segunda edición medrando até alcanzar os centros de ensino secundario. O certame musical convocado pola área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña presenta neste novo ano dúas modalidades: infantil e xuvenil.

O “Quero cantar” expándese nesta segunda edición para chegar ao público xuvenil de centros de ensino secundario con dúas categorías, unha para infantil para nenas e nenos de ata 12 anos e outra para xuvenil para unha idade comprendida entre os 13 aos 16 anos.

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura e Normalización Lingüística, Goretti Sanmartín Rei, presentou a nova edición do concurso para ao que poderán concorrer até o vindeiro 20 de xuño grupos con cancións en galego. “Despois do entusiasmo que vivimos na anterior edición, buscaremos que nesta segunda máis nenos e nenas e agora tamén mozas e mozos se poñan a cantar na nosa lingua e participen nun concurso que queremos sexa referencia da nova música non só para público infantil e xuvenil senón tamén feita desde esas idades”, sinalou Goretti Sanmartín no acto de presentación no que estivo acompañada do coordinador do concurso, Tono Formoso.

Votación desde as escolas

Ademais da ampliación da idade de participación no “Quero cantar”, Goretti Sanmartín destacou a maior “participación do público ao que vai dedicado xa que se vai votar desde os propios centros de ensino que escollerán os grupos finalistas que van participar na gala final que terá lugar no último trimestre no Teatro Colón”. Lembrou tamén que os dez grupos finalistas gravarán un CD coas súas cancións do que se fará unha edición de 1.000 exemplares e tamén se distribuirá na rede.

A nova edición rexistra tamén un aumento da contía dos premios que consistiran en 1500, 1000 e 500 € en material escolar ou produtos culturais en galego para 1º, 2º e 3º de ambas as categorías, respectivamente.

quero-cantar-2Na anterior edición as cancións dos 10 grupos finalistas conseguiron máis de 100.000 reproducións en liña durante o prazo de semifinais, antes de se escoller o grupo gañador que foi a banda “Colaxe” de Laxe. O disco gravado coas dez finalistas da anterior edición superou as 1300 descargas no tempo en que leva con libre acceso na rede.

Prazo aberto deica o 20 de xuño

Rock, soul, rumba ou música tradicional foron algúns dos estilos con que rapazas e rapaces se presentaron á primeira edición do concurso convocado pola área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña. Desta volta concorrerán grupos cun máximo de 12 compoñentes con composicións con letra e música orixinais e inéditas, formados por rapaces e rapazas aínda que na categoría infantil poden participar dúas persoas que superen o límite de idade e, na xuvenil, permítese que tamén dúas persoas saian tanto do límite superior como do inferior da idade do grupo. En todo caso, o número de integrantes que excedan a marxe establecida ten que ser menos da metade dos membros totais e as persoas exentas nunca poden ser as voces solitas, nin formar parte do coro se este fose o intérprete principal do tema.

Os grupos deben presentar a solicitude no modelo normalizado que se obtén nas webs www.dacoruna.gal e www.querocantar.gal, ou no Rexistro Xeral da Deputación achegando a maqueta da composición, a relación de compoñentes do grupo, a descrición das necesidades técnicas e de escenario, a breve biografía do grupo e o documento de aceptación das bases do concurso. O prazo remata o 20 de xuño e as bases completas pódense consultar na seguinte ligazón: https://www.dicoruna.es/cultura/premios/premio-quero-cantar:

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*