Explícoche Matemáticas 2.0 convoca a edición 2017 do certame

Concurso dirixido a alumnado da ESO, FP, Bacharelato e universidades que promove a creatividade e o uso do galego como medio de transmisión das Matemáticas.

Para participar hai que realizar curtametraxes de dous minutos de duración nas que se explique en galego un concepto matemático.

BASES DO CONCURSO
1) Participantes
Alumnado das Universidades públicas do Estado Español, procedentes de titulacións de Grao ou Máster, que poderán participar de maneira individual ou en grupos de, como máximo, 3 persoas.
Estudantes de 3º e 4º da ESO, 1º e 2º de Bacharelato e de ciclos de Formación Profesional dos centros de educación secundaria de Galicia e comunidades limítrofes, en grupos dun máximo de 3 estudantes, coordinados por un profesor/a.

2) Proxecto Explícoche Matemáticas 2.0
Cada participante ou grupo participante preparará un vídeo de 2 minutos de duración sobre un tema relacionado coas Matemáticas. A temática e enfoque pode ser máis formal (definición dun concepto, un teorema, idea intuitiva e/ou aplicación), ou pode recoller manifestacións diversas da matemática na vida cotiá, de carácter cultural, artístico ou social.
É condición indispensable que a lingua empregada sexa o galego.
Os participantes poderán utilizar calquera recurso multimedia, audiovisual ou artístico para a realización da curtametraxe.
Os traballos presentados, realizados integramente polos participantes, deben ser inéditos e orixinais.

3) Material a presentar
Os concursantes deberán subir a unha canle de YouTube o vídeo confeccionado e proporcionar unha ligazón válida para a visualización da curtametraxe.
Os vídeos deben ter boa calidade tanto visual como de son.
Deberán proporcionar os seguintes datos de contacto:
Categoría na que participan.
Enderezo electrónico e teléfono.
Centro ao que pertence e estudos que realiza, se é o caso.
Un informe en formato Word ou PDF cos seguintes datos:
Título do traballo.
Breve motivación.
Nome e apelidos de cada participante (profesor/a e alumnado).
Enderezos postal e correo electrónico de contacto.
Teléfono de contacto.
Deberase achegar autorización para o uso da súa imaxe de cada unha das persoas que aparezan no vídeo de cara á exposición pública do vídeo na páxina web da Facultade de Matemáticas e a través das redes sociais.
Autorización maiores de idade
Autorización menores de idade

4) Envío
Os proxectos realizados e documentación asociada (ligazón a YouTube, datos de contacto, informe e autorizacións) deberán remitirse ata o 22 de abril de 2017 inclusive ao correo electrónico zmatdeca@usc.es e ao enderezo:
Decana da Facultade de Matemáticas (Explícoche Matemáticas 2.0)
Campus Vida,s/n
15782-Santiago de Compostela

5) Premios
O Concurso Explícoche Matemáticas 2.0, constará de 2 categorías:
Categoría A: 2º Ciclo da ESO e Bacharelato e ciclos de Formación Profesional.
Categoría B: Universidade.
Outorgarase un premio por categoría. Os premios consistirán en 300 euros.
O xurado que valorará os proxectos presentados estará integrado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas, un docente de ensino medio designado pola CNL, un representante do Servizo de Normalización Lingüística da USC.
Tamén se recoñecerá o vídeo mellor valorado polos/as internautas. Unha selección dos vídeos participantes serán engadidos á lista de reprodución “Explícoche Matemáticas 2.0 2017” na canle de YouTube “Matemáticas USC” e o vídeo que acade maior número de “Gústame” será o gañador nesta categoría, que se anunciará a través da páxina web da Facultade de Matemáticas. O premio do vídeo gañador recibirá 200 euros.
O mesmo vídeo non poderá acumular dous premios. Se o vídeo mellor valorado polos/as internautas coincidise co mellor valorado polo xurado nalgunha das categorías A ou B, concederáselle o premio correspondente a esta categoría e pasaría a obter o premio dos/as internautas o segundo mellor valorado.
Os premios serán entregados no mes de maio, co gallo do Día das Letras Galegas.

A decisión do xurado publicarase na páxina web da Facultade de Matemáticas (http://www.usc.es/mate). Aos grupos gañadores, comunicaráselle por escrito.

A decisión do xurado será inapelable e o premio pode ser declarado deserto.

6) Exposición dos vídeos
Os vídeos seleccionados quedarán en poder da Universidade de Santiago de Compostela, quen se reserva o dereito de os poder empregar para a súa exposición pública.
Os/as participantes autorizan á Facultade de Matemáticas a facer públicos os traballos presentados a través das súas páxinas web e das redes sociais.

7) Aceptación das bases
A participación neste certame implica a total aceptación das presentes bases. Os participantes serán os únicos e exclusivos responsables do contido dos vídeos en canto a esixencias legais de dereitos de imaxe ou plaxio, segundo as leis vixentes.

Aquí podedes ver as pezas gañadoras na edición anterior, en 2016

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*