A filosofía, equipaxe imprescindible para enfrontar o mundo como “individuo e cidadán pleno”

En marcha a Iniciativa Lexislativa Popular en prol da Filosofía no sistema educativo.En marcha a Iniciativa Lexislativa Popular en prol da Filosofía no sistema educativo.

“Por primeira vez vaise dar a situación de alguén que obtendo o título dun ensino ao que se aspira que poida acceder toda a cidadanía, aos seus dezaoito anos, capaz de elixir e ser elixido/a na area pública, que se incorpora ao mundo do traballo ou continúa estudos superiores xa especializados, non vai saber sequera quen era Aristóteles ou Kant, o que non sería máis que unha deficiencia, por clamorosa que fora, na súa preparación, se non comportara unha demediación intelectual e humana na súa equipaxe para confrontarse o seu mundo como individuo e suxeito cidadá pleno”.

Este é un dos argumentos que expón a iniciativa lexislativa popular que a pasada semana iniciou o seu percorrido como proposta para levar ao debate en pleno do Parlamento de Galicia a esmorecente situación da Filosofía no currículo escolar. Unha comisión de docentes, integrada por Jorge Álvarez, Carme Adán, Ramón Soler, Pilar Fariñas, Mercedes Oliveira, Alberto Mariño, Inés Fernández Buján, Bieito Sousa, Manuel Anxo Fortes Torres e Eva Garea, achegouse ata a sede do Parlamento para rexistrar a proposición.

“Non hai cidadanía, no senso máis fondo do termo, sen filosofía”, salienta o texto redactado polos promotores da iniciativa, que agora se reunirán con representantes de todas as formacións políticas e comezarán a recollida de sinaturas para garantir que a proposta se debate na Cámara. “Existe un acordo unánime en que a filosofía é unha das dimensións máis profundas na formación, na constitución intelectual, e non só intelectual, dunha persoa; en que a filosofía, antes que unha determinada especialidade dun conxunto de profesionais, é algo ao que todo o mundo está chamado, pois dalgún modo todo o mundo, segundo os momentos, faise preguntas filosóficas, medita, pensa filosóficamente, fai verdade o dictum de que todo ser humano é filósofo”, expón o documento.

Marxe de manobra a nivel galego fronte á lei Wert

A proposta recorda que a Filosofía sufriu a crecente erosión ás humanidades en anos recentes, sinalando especialmente a última e representada pola chamada lei Wert, que implicou a supresión da Historia da Filosofía como materia común para o alumnado que culmina o Bacharelato.

É por este motivo que a iniciativa que agora colleitará sinaturas de apoio da cidadanía quere que o Parlamento vote por unanimidade instar a Consellería de Educación ao seguinte:
1. No marco das súas competencias realizar as adaptacións necesarias para incluir na oferta educativa do Bacharelato a obrigatoriedade da Historia da Filosofía como materia troncal.
2. Instar o Ministerio de Educación do Goberno do Estado a propiciar nos traballos para o denominado Pacto educativo un debate en profundidade sobre a situación da Filosofía no sistema educativo e a necesidade da súa pervivencia

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*