Un falante dunha lingua minoritaria “vese reforzado na súa lingua se a través das redes ten o feedback axeitado”

Un falante dunha lingua minoritaria “vese reforzado na súa lingua se a través das redes ten o feedback axeitado”
Á esquerda Alberto Pérez, xunto a Jacobo Guiu-Souto e Ignacio Vidal-Franco, á dereita de arriba abaixo
Unha investigación de matemáticos da USC indica que o contacto con usuarios de calquera parte do mundo a través do uso masivo das redes sociais favorecería a permanencia dos idiomas minoritarios.

Nun contexto no que conviven miles de linguas e por extensión de posibilidades idiomáticas, físicos da USC analizaron a través de modelos matemáticos o efecto das relacións sociais sobre as dinámicas de poboacións. En particular os investigadores prestaron atención á coexistencia de idiomas e ao feito de que os/as falantes están conectados mediante redes sociais de comunicación. Alberto Pérez Muñuzuri, coordinador do grupo de Física non lineal da USC e co autor do artigo que agora publica Open Science da Royal Society, conclúe que o efecto destas redes, “lonxe de homoxeneizar unha lingua dominante, pode ser a causa de que apareza diferenciación e, no caso particular que se analiza, axudar á coexistencia de dúas linguas”. 

Un falante dunha lingua minoritaria illado xeograficamente “vese reforzado na súa lingua se a través das redes ten o feedback axeitado”, aclara o profesor Pérez Muñuzuri. Este é o caso dalgunhas linguas de nativos americanos que estaban a punto de desaparecer e foron rescatadas grazas ás redes, pon a modo de exemplo o investigador. A clave estaría no contacto con usuarios de calquera parte do mundo a través do uso masivo das redes sociais o que, por extensión, favorecería a permanencia dos idiomas minoritarios. 

Estes resultados son froito do traballo do profesor Pérez Muñuzuri xunto con Ignacio Vidal-Franco e Jacobo Guiu-Souto, ambos tamén do mesmo grupo de investigación. “Os individuos máis conectados e máis activos dunha rede, aqueles con maior volume de interaccións, son os que poden manter máis diversidade”, o que redundaría na supervivencia dos distintos idiomas. A súa reflexión parte da idea de que na actualidade, algunhas das linguas con menor volume de falantes afrontan a súa supervivencia condicionadas por unha nova variable, a globalización das comunicacións. Na súa hipótese inicial de traballo, os investigadores tiveron en conta que “algúns autores asumen que esta nova ameaza pode incrementar as posibilidades de supresión de linguas minoritarias”. Non obstante, a conclusión dos físicos da USC vén matizar estas ideas iniciais na medida en que “ falantes altamente interconectados son máis propensos a diferenciarse” en base a o que se sustentaría a supervivencia de linguas diversas. 

Modelos matemáticos 

Para o desenvolvemento desta reflexión sobre a capacidade da supervivencia das linguas, o grupo de físicos utilizou modelos matemáticos. Son “moitos os intentos de modelar matematicamente” a coexistencia das linguas ao longo da literatura científica. De feito, e como sinalan no artigo os físicos, “os modelos máis recentes tamén inclúen a posibilidade de exhibir a coexistencia de dúas linguas”. Modelos máis elaborados introduciron a distribución espacial dos falantes e intentaron identificar as condicións baixo as que podía aparecer a distribución non homoxénea dos idiomas, síntoma da súa supervivencia. 

Os investigadores abordan o efecto dos medios de comunicación social na competencia das linguas e afrontan este efecto “cun enfoque completamente diferente: centrámonos no grao de conectividade entre os diferentes oradores e intentamos introducilo no noso modelo matemático”. O grupo considerou unha rede ‘non-difusiva’ ‘non-local’ de acoplamentos –aquela segundo a que un falante interacciona con outros con independencia de onde estean xeograficamente, xa que o emprazamento non ten importancia- e analizou o efecto da coexistencia de linguas. Este tipo de acoplamento, “a diferenza do puramente difusivo, reflicte mellor o grao de globalización das comunicacións na actualidade e o feito de que os falantes non estean conectados necesariamente con outros situados preto fisicamente”, senón tamén con interlocutores en lugares lonxe a través dos medios sociais. 

O fundamento deste enfoque atópase en teorías definidas por Alan Turing a mediados do pasado século arredor do concepto de inestabilidade e segundo as que un sistema permanece en estado estacionario –estable sen difusión- ata que pequenas perturbacións alteran o estado do sistema nunha nova situación na que coexisten dous valores completamente diferentes. No caso estudado polo equipo da USC, nun contexto de redes libres de escala, a inestabilidade actívase polo grao de conectividade entre os nodos e, polo tanto, “os nodos máis conectados son máis propensos a acumular perturbacións polas súas conexións e a pasar a un dos valores estables”. 

A conclusión dos físicos da USC é que no contexto dun modelo bilingüista os falantes cun alto grao de conectividade –cunha alta actividade en medios sociais- teñen máis probabilidades de diferenciar ou manter un estatus diferenciado. Alcanzado o estado final, engaden no artigo, a situación permanecería invariable “o que predí a coexistencia de ambos idiomas”. Puntualizan os autores que o resultado é alcanzable so si o grao de conectividade supera un certo umbral de conectividade.

Fonte: USC

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*