II Campus de Xadrez en Ourense

Do 26 ao 30 de xuño, dirixido a rapaces e rapazas de 5 e 14 anos.

A cita terá lugar entre o 26 e o 30 de xuño, estando na actualidade aberto o prazo de matrícula ata esgotamento das 30 prazas dispoñibles. Segundo explican desde a organización, este II Campus de Xadrez dá continuidade ao celebrado en 2015 polos bos resultados acadados entón. Seguindo a dinámica desa anterior edición, o horario da actividade será de 9.00 a 14.00 horas.

Durante ese tempo, os rapaces e rapazas participarán nun obradoiro de xadrez impartido polo gran mestre internacional Arian González, gañador da última edición do Torneo Internacional de Xadrez Campus Ourense. Na formación tamén colaborarán os xogadores do club de xadrez do campus. Co obxectivo de facer máis dinámica a actividade, para completar a mañá os inscritos terán clases de iniciación ao rugby, en modalidades nas que non hai contacto físico, e actividades de lecer, principalmente ao aire libre.

O II Campus de Xadrez-Campus Ourense celebrarase antes do IV Torneo Internacional de Xadrez Campus Ourense, organizado polas mesmas entidades. É necesario que as persoas inscritas teñan coñecementos básicos de xadrez, organizándose os grupos en función do nivel. O prezo da matrícula é de 60 euros.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*