‘BiciCoruña’, ‘Auxilia2’, ‘Estudonde’, así inventa en galego o alumnado

Finalistas e Gañadores dos concursos Inventa en Galego e Sensores para todos 2017

Unha app que mostra as paradas de bici da cidade da Coruña, sinala a súa situación nun mapa e dá información da ocupación dos postos de bicis en tempo real e que permite acceder directamente ás paradas seleccionadas previamente como favoritas. Chámase ‘BiciCoruña’ e recibiu o primeiro premio na III edición dp certame Inventa en Galego que promove Igaciencia co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O proxecto vai asinado polo alumnado Adrián Lodeiro Amil, Pedro Alonso Lebedinsky e Carlos Mosquera Pan, coordinados pola docente Paz Freire Campo, representando a aula de 2º de Bacharelato do IES Menéndez Pidal (A Coruña). A entrega dos premios fíxose este luns no IES Ramón Menéndez Pidal, na Coruña, nun acto onde estiveron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, o presidente de Igaciencia, Manuel Díaz, e a directora do IES anfitrión, Estrella Pérez.

No podio dos premiados temos despois varias aplicacións elaboradas por alumnado culleredés. Por un lado a aplicación ‘Estudonde’, con información de todos os colexios, institutos, academias e bibliotecas de Culleredo, que pode consultarse seguindo as diferentes etapas educativas para que a información estea adaptada a idade concreta da persoa que empregue a app. A idea é de Andrea Guerra Platas, Sandra Vila Gómez e Cristina Vázquez Vázquez, coordinados polo docente Ángel Acción Lamas. Representan a aula de 1º de Bacharelato do IES Eduardo Blanco Amor (Culleredo). Aquí nos contan algo máis:

E compartindo o segundo premio coa anterior, outro proxecto chegado de Culleredo. Xustamente, titúlase ‘GoceCulleredo’, e trátase dunha aplicación deseñada para axudar a organizar o tempo con diferentes actividades que poden ser didácticas (culturais) ou de lecer, con opcións para xente xove, adultos e maiores. Foi coordinada tamén polo profe Ángel Acción do IES Blanco Amor, mais neste caso a idea é dos alumnos José Luis Ares Sainz e Manuel Eduardo Seijas.

Do resto de aplicacións non temos vídeo aínda, pero son as seguintes:
‘Actividades Alternativas’, de Candela Rey e Marta Rodríguez; ‘Auxilia2’, de Laura Amor García, Eder Vázquez Fernández e Alicia Ríos Vieites; ‘Coffeeredo’, de Laura Amor, Eder Vázquez e Alicia Ríos; ‘Cómete Culleredo’, de Laura Castro, Antón Gómez, Xaime Rodríguez e Antía Vales; e ‘CulleSport’, de Diego Castro Freire, Yannick Juncal García e Rubén Lado Martínez

Sensores para todos

Durante o mesmo acto tamén se entregaron os premios ‘Sensores para Todos’, que Igaciencia leva adiante co apoio do Concello da Coruña.

Os premiados foron o IES Ramón Menéndez Pidal da Coruña co proxecto “Con Science Journal”, o IES de Brión con “Interpretación virtual interactiva”, o IES Ortigueira con “Domótica e vivenda bioclimática”, o IES Concepción Arenal de Ferrol con “Sensor de temperatura TMP36 de arduino1” e o IES Castro Alobre de Vilagarcía de Arousa con “Máquina medidora da radiación ultravioleta”.

Na web de IGACiencia temos máis información sobre cada proxecto

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*