Casa-Museo de Rosalía de Castro: unha visita imprescindible

Reinaugúrase o espazo coincidindo co 132 aniversario do pasamento da autora e 45º da primeira apertura.

Recomendámosvos a visita a este espazo que, sen dúbida, é xa unha das áreas culturais máis visitadas do país e, dende logo, un lugar de referencia para todas as galegas e galegos polo seu vínculo coa nosa autora máis universal.

Horarios

De xullo a setembro
10.00-14.00 h
16.00-20.00 h

Resto do ano
10.00-13.30 h
16.00-19.00 h

Luns pechado

Domingos e festivos: 10.00-13.30 h

Casa-Museo de Rosalía de Castro: unha visita imprescindibleO pasado sábado 15 de xullo, a conmemoración do cabodano de Rosalía de Castro, o 132º aniversario do seu falecemento, coincidiu cun evento moi especial: a reinauguración do espazo da Casa Museo Rosalía de Castro en Padrón, a popularmente coñecida como a Casa da Matanza, onde Rosalía viviu os derradeiros anos da súa vida.

Ábrese así unha excelente oportunidade para visitar de novo a Casa Museo para aqueles que xa acudiran no pasado e para estreala quen non tivese aínda a oportunidade de visitala. A renovación non só incluíu obras de reacondicionamento vencelladas coa propia estrutura dos edificios, senón que tamén se aproveitou para renovar o propio discurso museográfico, ampliando o material dispoñible e promovendo a idea de que a propia vivenda e as pezas que acolle, relaten dun xeito máis didáctico a vida e a obra da autora.

Entre outros, o espazo acolle a chisteira e unha cinta funeraria de Manuel Murguía que, xunto cunha carteiriña de Ovidio, fillo de Rosalía e Murguía, son as tres pezas que a Real Academia Galega cedeu en depósito á Fundación Rosalía para que as amose nesta nova etapa da casa museo de Padrón.

Por outro lado, tamén se inclúen tres novos óleos de Ovidio Murguía e un crecho de cabelo de Rosalía, que neste caso compoñen a nova cesión da Deputación da Coruña á Fundación. Trátase das obras “A feira de Santa Susana”, “Paisaxe de inverno no Sarela” e “Amor Durmido/ Retrato de Gala Murguía”, que forman agora parte do conxunto artístico do centro.

Durante o evento de reinauguración tivo lugar a unha actuación de Amancio Prada, cuxa carreira musical está intimamente ligada a Rosalía de Castro:

“Adiós ríos, adiós fontes” de Amancio Prada na reinauguración da Casa de Rosalía


“Campanas de Bastavales” de Amancio Prada na reinauguración da Casa de Rosalía

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*