CIG-Ensino asina o inicio dun novo curso de combate á LOMCE

Denuncian que a volta á escola comeza con máis recortes, privatizacións, autoritarismo e peores condicións do profesorado.

“Elección antidemocrática das direccións, xerarquización do profesorado con perda de democracia interna nos claustros e consellos escolares, a presenza da relixión como materia curricular, a blindaxe dos concertos educativos, o carácter recentralizador e o control currilar, o desprezo ao labor docente, a promoción do elitismo e a competitividade entre os centros…”. Así debullaba o novo secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, algunhas das principais eivas que trouxo a LOMCE, criticando que malia a actual minoría no Congreso do executivo español, se siga mantendo inalterable a estrutura desta lei sen que a oposición fora quen de derrogala deica agora.

A denuncia foi realizada xa a pasada semana, antes do inicio este luns 11 do curso escolar 2017-2018, e, segundo analiza a CIG-Ensino, o novo período lectivo comeza “coa supresión de 100 postos de traballo no corpo de mestres e co peche de 69 aulas; cun aumento do número de aulas concertadas; co mantemento das subvencións aos centros segregadores e con recortes que continúan e que teñen graves consecuencias para profesorado e alumnado”.

Bermello criticou as políticas “escurantistas” e de “recortes” e a “nula disposición á negociación”, recordando por exemplo que en Secundaria non se publican os cupos de docentes de cada centro e onde se están producindo recortes permanentes na maioría dos centros. O novo líder da CIG-Ensino, que desde o pasado mes de xuño substitúe no posto a Anxo Louzao, quen fora secretario xeral da formación desde a súa creación, foi especialmente crítico coa crecente burocratización da vida dos docentes, que a cada paso deben cubrir máis papeis, encher formularios e cumprimentar inquéritos, “en detrimento do que debería ser o seu labor fundamental: a propia docencia”.

Evolución do profesorado interino nas escolas públicasFronte ao “abuso de autoridade” e a perda de dereitos

Ás medidas “sen consensuar e debater” que o sindicato docente lle vén atribuíndo á consellería de Educación, e das que serían exemplo recente o peche de centros, únense agora as acusacións de “abuso de autoridade” que arrebolan cara a unha “parte importante da inspección educativa”. Ao respecto, advirten de actuacións ao fío do legal que incluirían imposición de direccións nos centros, negación de dereitos do profesorado e apetura de expedientes “como medidas punitivas e amedrentadoras e mesmo acosando ao profesorado”.

Avalía a CIG-Ensino que no corpo de mestres e mestras medrou un 15% o total de postos suprimidos provocando que nalgúns casos “nin sequera se cheguen a cubrir os mínimos legais fixados nos cadros de persoal”. Denuncian que o 18% das/os que teñen destino provisional (444 de 2458) é itinerante e que máis da cuarta parte destas itinerancias (116) son orientadoras; que 308 impartirán afíns e que o 46% do profesorado con destino provisional é interino: 1.130 en total. Tamén avisan de que as interinidades se disparan en secundaria, FP, EOI e réxime especial chegando ao 60% dos docentes con destino provisional. Isto xunto o feito de que o 28% -1.195 de 4.250- impartirán materias afíns que en moitos casos “non teñen ningún tipo de afinidade”; que hai 797 docentes en expectativa de destino e que moito deste profesorado (case o 19%) leva nesta situación até 9 e 10 anos. A isto únese a perda de poder adquisitivo dos docentes, unha media de 4 mil euros por baixo do resto de comunidades.

Propostas para mudar a situación

CIG-Ensino propón reducir a porcentaxe de persoal interino negociando ofertas amplas de prazas nas oposicións, superando as limitacións do total de docentes do curso pasado “impostas polo acordo entre outros sindicatos e o Goberno español”; eliminando a taxa de reposición do 100% indefinidamente e acompañando esas ofertas de emprego dun acordo de estabilidade do persoal interino.

Tamén demandou Suso Bermello ofertar todas as prazas existentes para o concurso de traslados, colocando a todo o mundo nun prazo máximo de 2 anos; o incremento do profesorado con destino definitivo; a negociación real das vacantes que se ofertan; a regulamentación das afíns por ámbitos académicos e recuperar o horario lectivo previo á chegada de Feijóo, entre outras. Ao tempo, recordan que especialmente a marxinación da lingua galega en materias como Matemáticas, Física, Química e Tecnoloxía, que que ten como consecuencia unha “desconexión cada vez maior do noso idioma en todas as etapas educativas”.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*