Un ano máis, Unesco e Unicef promoven esta iniciativa para a difusión dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable.
Son 17 eixos estratéxicos clave que Nacións Unidas definiu en setembro de 2015: os Obxectivos Mundiais para o Desenvolvemento Sustentable. Resumen unha serie de metas que deberían ser prioritarias para o planeta no seguintes quince anos. O obxectivo, un mundo en 2030 que sexa mellor para todos e onde a pobreza e desigualdade extrema desaparecese. E sexa neste prazo ou nun máis longo, a asunción común deses obxectivos, debería formar parte da columna vertebral formativa das novas xeracións, chamadas a cambiar as cousas. Por iso, esta campaña de forma específica proponse que en todas as aulas se traballen e difundan esas claves.
Iso é “A lección máis grande do mundo”, e a campaña propón dedicar un mínimo dunha hora de clase nas aulas de alumnado de entre 8 e 14 anos. A campaña lanzouse este ano a partir deste luns 18 de setembro, convidando a comprender e reflexionar todo o que eses obxectivos de desenvolvemento significan e a forma en que afectan as nosas vidas e as de todos os veciños do planeta Terra.
O proxecto inclúe recursos diversos: vídeos, cómics, pósteres, unidades didácticas e un punto de encontro e intercambio de experiencias onde cada aula participante pode expoñer e localizar no mapa a súa participación.
As 17 claves:
- Erradicar a pobreza en todas as súas formas, en todo lugar
- Acabar coa fame, conseguir seguridade alimentaria, mellorar a nutrición, promover a agricultura sustentable
- Garantir vidas saudables, promover o benestar para todas e todos, pequenos e maiores
- Garantir unha educación de calidade inclusiva, equitativa e promover oportunidades de aprendizaxe permanentes para todas e todos
- Lograr a igualdade de xénero: empoderar a todas as mulleres e nenas
- Garantir auga potable e saneamento e xestión sustentable da auga
- Garantir o acceso a enerxía barata, confiable, sustentable e moderna
- Promover o crecemento económico sostido inclusivo e sustentable, emprego completo e produtivo: un traballo decente para todas e todos
- Construír infraestruturas resilientes, promover a industrialización inclusiva e sustentable, fomentar a innovación
- Reducir a desigualdade dentro de cada país e entre os países
- Facer que as cidades e os asentamentos humanos sexan inclusivos, seguros, resilientes e sustentables
- Garantir patróns de consumo e produción sustentables
- Accións urxentes para combater o cambio climático e os seus impactos
- Conservar e utilizar de xeito sustentable os océanos, mares e recursos mariños para o desenvolvemento sustentable
- Protexer, restaurar e promover o uso sustentable dos ecosistemas terrestres, xestión sustentable dos bosques, combater a desertificación e deter e reverter a degradación do solo e a perda da biodiversidade
- Promover sociedades pacíficas e inclusivas para o desenvolvemento sustentable, fornecer de acceso á xustiza a todas e todos e construír institucións eficaces, responsables e inclusivas en todos os niveis
- Fortalecer os medios de implementación e revitalizar a alianza mundial para o desenvolvemento sustentable