Caderno Verde: Cinco anos fornecendo de recursos ambientais ás aulas

No Caderno Verde, acompañamos a Anselmo nunha viaxe en parapente polo Planeta VerdeNova etapa da plataforma de educación ambiental de Sogama.

As amigas e amigos de Vilaverde (Tomé, Mireia, Aloia, Brais, o can Cirilo e o avó Celso, e os seus parentes, Sol, Mauro, Olalla, Simón e Lino) son os protagonistas das distintas fichas didácticas que, periodicamente, chegan ás aulas dos centros educativos galegos para traballar distintas áreas de coñecemento. Son protagonistas do eixo de contidos do Caderno Verde, unha plataforma educativa de Sogama que cumpre este outono cinco anos ao servizo da educación ambiental en Galicia convertido en todo un referente pedagóxico para a xestión sostible dos residuos municipais.

A clave do seu éxito reside na transversalidade e a súa capacidade para incluír a xestión dos refugallos en todas as disciplinas obxecto de estudo para o alumnado de educación infantil e primaria. De aí que, a día de hoxe, se erixa nunha ferramenta de gran utilidade para profesorado, alumnado e familias pola súa capacidade para contribuír á formación e concienciación de pequenos respecto dos bos hábitos vinculados ao principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), soporte fundamental do desenvolvemento sostible.

O Caderno Verde acolle tamén os ecocontos dos que son protagonista a Familia Trebón, formada por Anselmo, Carola, Lucas, o can Antenas, o gato Evaristo, Lilia e Vito, que arrancan os sorrisos dos pequenos coas peripecias medioambientais dos seus personaxes e nas que reina unha gran carga pedagóxica, ensinando como aproveitar o papel, como lograr un Nadal sostible, como ir de acampada e picnic respectando a contorna, como elaborar disfraces co que nos sobra na casa, como alimentarse dunha forma racional e co menor impacto ambiental, como se ve a vida sobre unha bicicleta, como facer unha compra responsable, como aforrar enerxía e como gozar dunhas vacacións de verán sen danar os ecosistemas…. Unha interminable lista de leccións en forma de aventuras e con grandes doses de diversión e entretemento.

Transversalidade

As toneladas de residuos urbanos están presentes nas matemáticas e toman a forma de porcentaxes, fraccións e medidas de superficie e capacidade. A reutilización e a reciclaxe inclúense nas asignaturas de lingua galega e castelá a través de relatos, sopas de letras e gramática, mentres que a valorización enerxética da parte non reciclable do lixo fai acto de presenza en asignaturas como Coñecemento do medio, onde os escolares descobren igualmente as entrañas das máquinas, fenómenos como a luz e a electricidade, así como os pormenores dunha alimentación variada e equilibrada onde os desperdicios orgánicos non comestibles poden ser compostados.

Son algúns exemplos de contidos traballados no Caderno Verde, onde tamén a educación artística cobra forma a través dos refugallos mediante a fabricación de instrumentos de música co aparentemente inservible, mentres que o inglés ensáiase a través de cadernos como composting, Connnect!, Go Green ou How Green is your school?

Toda unha variedade de formatos a través dos cales o alumnado aprende contidos propios do currículum académico á vez que profundiza e sensibilízanse sobre a necesidade de levar a cabo un consumo responsable, de previr e reducir a produción de lixo, de aproveitar ao máximo os produtos ata esgotar a súa vida útil e de separalos correctamente e depositalos nos distintos contedores habilitados nas vías públicas para garantir o seu posterior reciclado e, xa que logo, a súa transformación en novas materias primas, aforrando custos e reducindo a pegada ecolóxica.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*