Cita cos Bolechas en Barro, Caldas de Reis e Castro Caldelas

No marco do programa FalaRedes, co espectáculo ‘De Chispa a Tatá’.

O ‘FalaRedes’, programa que impulsa a Xunta de Galicia, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, nos concellos que forman parte da Rede de Dinamización Lingüística (RDL), fará parada esta fin de semana nos municipios de Barro, Caldas de Reis e Castro Caldelas. Os protagonistas serán Os Bolechas, os personaxes máis coñecidos pola rapazada galega, que nesta ocasión traen unha nova actividade que leva por nome ‘De Chispa a Tatá. Imos de Moraña a Zas’. A primeira das paradas desta fin de semana será o sábado, ás 12:00 horas, no concello de Barro (Nave da Música). Ese mesmo día, ás 19:00 horas, haberá outro pase da actividade en Caldas de Reis (Auditorio Municipal). Por último, o domingo, ás 17:30 horas, os Bolechas daranse cita no Polideportivo Municipal de Castro Caldelas.

Na nova proposta dos Bolechas, Tatá, Sonia, Braulio, Loli, Pili e Carlos están facendo o Camiño de Santiago e paran na pousada de Eustaquio acompañados do seu can Chispa. Eustaquio acepta darlles aloxamento a cambio de que xoguen con el a un peculiar xogo da oca que os obrigará a superar, coa axuda do público, diferentes probas de habilidade física e de coñecementos culturais sobre Galicia adaptados a rapaces de 4 a 10 anos. Cultura, xeografía, gastronomía, tradicións… todo terá cabida nesta divertida iniciativa para que os nenos e nenas aprendan e se divirtan en galego, a lingua que sempre falan Os Bolechas.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*