‘Uxía-o’ preséntase no Gaiás o sábado 14 de outubro canda á beira da xposición de Antón Lamazares ‘Flor Novoneyra’.
“A poesía de Uxío ten un ritmo interno que a fai moi adecuada para ser cantada”, subliñou Uxía. Neste traballo, a artista galega colabora co multi-instrumentista brasileiro Sérgio Tannus. “Quería que esta visión sexa a máis actual e universal posible, colocando o acento na contemporaneidade e musicalidade da obra de Novoneyra”, explicou a cantante mosense
A Cidade da Cultura, no marco de programas de actividades asociadas á exposición de Antón Lamazares Flor Novoneyra, acollerá o sábado 14 de outubro ás 20:30 horas un concerto de Uxía onde a artista interpretará temas do seu novo disco, no que canta poemas de Uxío Novoneyra.
Uxía-o é unha homenaxe a Novoneyra con 16 cancións que ecoan a muiñeira, e os alalás. Para determinar o repertorio, Uxía e Sérgio escolleron de entre os seus poemarios o que atoparon “máis próximo e familiar”, en ocasións unindo varios poemas, como é o caso de O aire ou A miña sombra correndo, transformado en alalá. Xunto ás novas composicións encóntranse unha adaptación de Caen as follas, de Emilio Cao, ou os Alalás encadeados, poema inédito dedicado aos emigrados galegos na diáspora para que conservasen as métricas populares e que fora incluido no disco de Uxía Meu canto (Fol Música, 2011).
No disco participan tamén Isaac Palacín (percusión), Santi Cribeiro (acordeón) e José Manuel Díaz (contrabaixo), e conta coas colaboracións especiais de Ana Isabel Días (arpa clásica), Quim Farinha (violín), Alberto Vilas (piano), Fred Martins (voz) e Lui Coimbra (contrabaixo).
A entrada é de balde previa retirada do convite. De martes a domingo, de 10:00 a 20:00 horas, pódense retirar convites para o concerto na recepción do Museo Centro Gaiás