Fronte á perda de autonomía e capacidade de intervención docente nas políticas educativas

Día Internacional do DocenteEn moitos lugares os docentes están a ser desposuídos da liberdade e apoio que necesitan para proporcionarlles aos seus estudantes unha educación de calidade. Para destacar estas preocupacións, a Internacional da Educación decidiu que o tema do Día Mundial dos Docentes deste ano estea baixo o lema “Ensinar en liberdade, empoderar aos/as docentes”, co obxectivo de deixar que os docentes só funcionan da mellor maneira posible cando se lles empodera e non se lles obstaculiza co tipo de obstrucións ás que se enfrontan ao longo das súas vidas profesionais en todo o mundo.

E na liña desa campaña da Internacional da Educación, en Galicia, a CIG-Ensino, que forma parte desa federación de sindicatos, subliña esta semana a súa reclamación a nivel galego de liberdade no exercicio da profesión docente e recuperación de dereitos. Unha perda de autonomía e de capacidade de intervención na toma de decisións sobre as políticas educativas e o propio exercicio da docencia que implica, alertan, non só un empeoramento das condicións de traballo do profesorado senón tamén un empeoramento da calidade educativa e da formación do alumnado.

“O sometemento a tests antipedagóxicos como os informe PISA e as reválidas da LOMCE son dous exemplos da intencionalidade do neoliberalismo de controlar a actividade docente e o desenvolvemento curricular”, expresan nun comunicado ao respecto. No ensino universitario esta lóxica materialízase na precariedade laboral, con contratos a tempo parcial e baixas retribucións, e en obstaculizar a carreira docente con sistemas de acreditación xerarquizantes e discrecionais como o que se está a negociar coa ANECA, advirten.

Presión política e condicionantes económicos

“Hoxe en día, constatamos como a presión política, condicionada polos intereses do poder económico, supón unha carreira de obstáculos tanto para o profesorado como para o alumnado”, afirman desde a CIG-Ensino, “Dificilmente poderemos como docentes proporcionarlle ao estudantado unha educación de calidade e un fortalecemento das propias sociedades nas que desempeñamos o noso traballo se non contamos con liberdades profesionais, laborais e académicas.”

Un profesorado valorado, con acceso a unha formación inicial e continua de alta calidade, con salarios xustos e capacidade de participar democraticamente na xestión da actividade académica dos seus centros de traballo é un profesorado empoderado. “Un empoderamento que é a mellor defensa fronte a aqueles gobernos e multinacionais que prefiren ternos baixo control”.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*