O control parental na rede unido á negociación co menor estimula as habilidades críticas

O contorno familiar inflúe decisivamente na alfabetización dixital.

Un equipo de investigadoras da Universidade CEU San Pablo e do Campus de Segovia da Universidad de Valladolid (Uva) estudou como o tipo de control parental inflúe na adquisición de habilidades críticas de menores na internet.

A partir dunha enquisa a 765 familias da Comunidad de Madrid, as autoras conclúen que canto menos restritivo é o estilo de control parental da internet, maior adquisición de habilidades críticas, independentemente da idade do menor. Os resultados cuestionan así o papel das restricións no uso do medio interactivo.

A contorna familiar postúlase como un factor determinante na alfabetización dixital. “A relación entre o empoderamento dos menores no uso da internet e a adquisición de habilidades críticas está fortemente relacionada debido a que estas últimas son chaves para desenvolver un uso independente e responsable do medio”, destacan as expertas.

O traballo centrouse en diversos tipos de variables asociadas ao estilo de control parental persoal como a idade dos proxenitores, o nivel de estudos, o número de fillos e a súa idade, o tipo de fogar e a experiencia de uso da internet. Tamén se incluíron outras como a confianza dos proxenitores no medio interactivo e a súa preocupación polos riscos.

As nais, máis restritivas

Os resultados apuntan a que as nais tenden a poñer máis restricións nos hábitos dos seus fillos. Ademais, os pais que practican un control da internet libre e negociador teñen máis idade que os pais de estilo máis restritivo. Con todo, nin o nivel de estudos, nin o número de fillos, nin o tipo de fogar amosaron diferenzas significativas.

O nivel académico dos fillos si foi un aspecto claramente relacionado co estilo de relación parental. ”É interesante ver como nas primeiras etapas da formación académica (Primaria) hai maior proporción de pais que adoptan o estilo restritivo, fronte ao período de formación Secundaria e Bacharelato no que hai maior proporción do estilo negociador e libre”, detallan as investigadoras.

“Aínda que é certo que a medida que os menores avanzan academicamente adquiren máis capacidades que se aplican á contorna interactiva, os resultados do modelo lévannos a afirmar que os pais poden converterse en catalizadores da experiencia, posibilitando que os seus fillos poidan explorar a rede e adoptando un estilo tutelado menos controlador que permita que o menor poida navegar libremente polas webs que estean adaptadas ao seu nivel madurativo”, conclúen.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*