A CIG-Ensino solidarízase co profesor de Historia do IES Pino Manso do Porriño e esixe que a consellería apoie a actuación do docente.
As aulas non son alleas á realidade que nos rodea, e o alumnado interésase polos acontecementos de actualidade. Así aconteceu no IES Pino Manso do Porriño, onde un profesor de Historia facilitou o debate de mozos e mozas de 4º curso da ESO ao respecto dos acontecementos destes días en Cataluña. No transcurso do debate, onde o profesor actuou como mediador, víronse vídeos e falouse do acontecido desde todos os puntos de vista.
Mais seica o simple feito de falar deste tema nas aulas feriu algunhas sensibilidades fóra delas e, en días pasados coñecíase dunhas presuntas “investigacións” que estarían a desenvolver as forzas de seguridade ao respecto dunha suposta “incitación ao odio”.
“Non é a primeira vez que un feito producido nun centro educativo acaba sendo magnificado por algún medio de comunicación, convertendo en algo alarmante o que non pasa de ser unha polémica interna dun centro”, laméntanse desde a CIG-Ensino, subliñando que o presuntamente “investigado” pola Garda Civil non era máis que unha actividade de aula na cal se estableceu un debate entre o alumnado de cuarto da ESO sobre a situación catalá.
A CIG denuncia a grave inxerencia nas aulas
“No caso do IES Pino Mano afírmase algo gravísimo desde o punto de vista da liberdade de cátedra do persoal docente e mesmo desde a propia seguridade xurídica que emana das normas de funcionamento dun centro educativo e da profesión docente”, explica a formación sindical nun comunicado. “Aínda no caso de que un docente cometera algunha irregularidade no seu traballo, quen debe intervir para corroborar os feitos é a Inspección Educativa; nunca os corpos e forzas de seguridade do Estado. Isto provoca unha clara indefensión do profesorado e un intento de amedrentamento absolutamente inaceptábel”, advirten desde a CIG-Ensino.
Para a CIG-Ensino resultaría un “despropósito” grave que a Garda Civil efectúe indagacións sobre como un docente imparte a súa materia. Por este motivo, solicitáronlle á Delegación do Goberno que confirme ou desminta calquera actuación da Garda Civil a este respecto, ben por denuncia formal previa, “que descoñecemos que exista”, ou ben por decisión propia, “o que xa resultaría totalmente aberrante”.
Ao tempo, tamén se dirixiron á Xefatura Territorial da Consellaría de Educación en Pontevedra para que mostre o seu apoio á actuación do docente en concreto mais, tamén, o de todo o profesorado que no seu día a día ten que ser quen de formar un alumnado crítico e coñecedor da realidade na que vive, co obxectivo de educar cidadáns con capacidade de análise e comprensión da sociedade na que viven.
Confianza nos docentes para a formación de cidadáns críticos
“O empoderamento do profesorado ao que fai mención a Internacional da Educación e que a CIG-Ensino comparte totalmente, non é unha barra libre para converter unha aula nun púlpito; é a capacidade para que as profesoras e profesores que tratamos cun elemento tan sensíbel como o alumnado podamos ter a seguridade de que a nosa función educativa se pode desenvolver sen controis ideolóxicos, veñan estes de onde veñan”, recolle o comunicado do colectivo.
“O cometido do profesorado de formar o alumnado como persoas, como cidadáns inseridos nunha realidade política, social e económica que deben coñecer, non se consegue só desde a transmisión de contidos (e menos se estes pretenden controlarse totalmente) senón especialmente no fomento de habilidades e destrezas para interpretalos e na aprendizaxe de valores, como o que o docente do IES do Porriño sen dúbida pretendeu cando favoreceu o debate sobre os acontecementos que se están a desenvolver en Cataluña”, engaden.