Iniciativa para o fomento da programación e o pensamento computacional.
Que é CodeWeek?
A Semana da Programación da UE é unha iniciativa popular organizada por voluntarios (embaixadores) que fomentan a programación, o pensamento computacional e actividades relacionadas nos seus países.
Europa está a mellorar a súa competencia dixital: a quinta edición da Semana da Programación da UE, non exactamente ‘semana’, xa que se está celebrando do 7 ao 22 de outubro de 2017, convida as aulas a unírense ás celebracións e aprender a expresarnos programando.
Convídannos a crear unha aplicación, un xogo, un sitio web, escribir un relato interactivo, xogar coa informática ou facer que se mova un robot. Podemos organizar actividades de programación para os pais, avós, amigos, para nenos ou compañeiros, e axudalos a entender o mundo dixital e a estar activos nel.
Quen pode participar?
O obxectivo desta iniciativa é mostrar como os cidadáns poden concibir ideas programando, lograr que a programación sexa máis visible e reunir a persoas motivadas para aprender.
Calquera persoa pode organizar actos da Semana da Programación e todos os organizadores, xa sexan colexios, organizacións sen ánimo de lucro, empresas, bibliotecas ou clubs de programación, poden engadilos ao mapa da Semana da Programación, que funciona como un catálogo de iniciativas de programación en cada país.
Desde 2013, a Semana da Programación organizou máis de 33.000 actividades en máis de cincuenta países, tanto de Europa como de fóra dela. En 2016, participou case un millón de persoas, o 46 % delas mozas ou mulleres.
Os organizadores de eventos recibirán un certificado oficial da comisión europea.