“Os nenos da vella” e “Máis boas cás patacas” gañan o Quero Cantar!

Os grupos da Coruña e Teo vencen na segunda edición do certame. Escoita aquí as pezas.

As formacións musicais “Os nenos da vella” da Coruña e “Máis boas cás patacas” de Teo veñen de gañar a segunda edición do Concurso musical infantil e xuvenil “Quero Cantar“, co que a área de Cultura da Deputación Provincial da Coruña busca promocionar e difundir o uso da lingua galega, así como potenciar a creatividade poética e musical dos mozos e mozas da provincia.

Deste xeito, o grupo coruñés “Os nenos da vella”, alzouse co galardón na categoría infantil, na que participaron grupos de nenos e nenas de ata doce anos, coa interpretación do tema “Quero xogar”, unha peza orixinal composta por Noa, Mikel e Yune, coa axuda do seu mestre, Javi, que ergueu unha grande ovación por parte do público presente no Teatro Colón da Coruña.

 

Así mesmo, na categoría xuvenil, á que concorrían formacións musicais integradas por rapaces e rapazas de entre 13 e 16 anos, o primeiro premio foi para o grupo “Máis boas cás patacas” de Teo, unha banda musical composta por oito rapazas que interpretaron o tema “Son muller”, unha canción na que reivindican os dereitos e a igualdade para as mulleres.

 

En ambos os dous casos, as bandas acadaron un premio de 1.500 euros para mercar material musical e outros produtos culturais en galego, ademais de poder realizar a gravación dos videoclips das cancións gañadoras.

Pola súa parte, as restantes formacións que conseguron chegar á final do concurso, como é o caso de “Quenindiole” de Ferrolterra e “As estrelas do rock” de Bertamiráns-Ames, acadaron cadanseu premio de 1.000 e 500 euros, cos temas orixinais “Vinde bailare” e “Tolemia animal”.

Preparando a terceira edición!

Na súa intervención, a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, parabenizou a todos os grupos participantes e agradeceu a todas as persoas, maiores e pequenas, que se implicaron neste concurso que, segundo dixo, “quere animar a cantar á xente nova e considera ademais que a canción é unha ferramenta acaída para a transmisión da nosa lingua”. Anunciou que haberá unha terceira edición do Quero Cantar e convidou, desde xa, a participar diante dun auditorio composto en boa medida de nenos e nenas.

A gala, conducida pola contadora, fotógrafa e actriz, Sole Felloza, contou coa participación da emblemática banda infantil “Mamá Cabra”, que se encargou de abrir a cerimonia e amenizar a velada coa interpretación dalgúns dos seus temas máis coñecidos, mentres o xurado deliberaba sobre que grupos serían os galardoados nesta segunda edición do certame.

Xa que logo, “Os nenos da vella” e “Máis boas cás patacas” suceden á banda “Colaxe” de Laxe, gañadora da primeira edición do certame, no ano 2016.

As bandas gañadoras

“Os nenos da vella” é una formación coruñesa formada Noa (voz e percusión), Mikel (caixón e coros) e Yune (baixo e coros), e cuxo nome provén do lugar onde xogan e cantan a diario, pois a totalidade dos integrantes proceden do casco vello da cidade herculina.

Así, a formación complétase co mestre de música, Javi, co que se reúnen dende hai dous anos no local da Asociación Cidade Vella, para ensaiar as súas cancións e practicar con diferentes instrumentos musicais.

No caso de “Máis boas cás patacas”, trátase dunha banda teense integrada por oito rapazas do IES de Cacheiras, no que o talento das voces de Lua, Valeria e Ruth, a guitarra de Ana, o baixo de Sara, o uquelele de Carme, o piano de Cristina e a batería de Candela, seguen as indicacións da súa mestra de música, Matilde, para compor pezas tan fermosas como a que presentaron ao certame “Quero Cantar”.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*