Acéptame, compréndeme, valórame, e axúdame a voar!

Campaña de sensibilización a prol das altas capacidades.

“Son rara”, “son un pesado”, “son un inútil”, “son unha impertinente”… Son algunhas das conviccións que ás veces acaban aniñando no ánimo de rapazas e rapaces con altas capacidades. Un problema derivado dun contorno e unha comunidade educativa que moitas veces non responde con eficacia ás necesidades destes cativos. “Se tan lista é non terá problema nin necesitará axuda”, “Quéreme deixar evidencia” ou “Non para de cuestionarme” son algúns dos comentarios froito de prexuízos consecuencia ás veces da interacción deste alumnado con ese entorno.

Neste escenario e ante a necesidade de visibilizar unhas necesidades educativas especiais que non son doadamente recoñecibles nin facilmente comprendidas, a Asociación de Altas Capacidades de Galicia (ASAC Galicia), en colaboración coa Unidade de Atención Educativa en Altas Capacidades da USC, presenta unha Campaña de Sensibilización sobre as Altas Capacidades.

“Esta campaña destinada a toda a sociedade céntrase nunha mensaxe clara e asertiva que intenta dar voz ao que este colectivo percibe e sente fronte a un sistema educativo e unha opinión pública xorda as súas demandas e moitas veces agresiva ante unha diferenza que se entende como unha vantaxe absoluta e constante fronte ao resto do alumnado, en todos os niveis educativos”, explican desde ASAC Galicia.

A campaña nas redes

O pasado 17 de outubro foi presentado no Centro Galego de Arte Contemporánea o spot que marca o comezo da campaña de sensibilización.

Para dar voz e rostros a esta mensaxe,a peza audiovisual ten como protagonistas a nove nenos e nenas de distintas idades que pertencen á Asociación. Tamén colaboran no vídeo María Solar (xornalista e escritora), Jorge Mira (científico e comunicador) e Antonio Mourelos (actor). O vídeo foi realizado por Roi Fernández coa asesoría científica da doutora Carmen Pomar Tojo, directora da Unidade de Atención Educativa en Altas Capacidades da USC.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*