Ponte de letras e palabras para unir a Academia e as escolas

Fina Casalderrey amósalle ao alumnado o manuscrito d’A man de santiña de Ramón Cabanillas. Fonte: RAG

A Real Academia Galega encheuse de nenas e nenos este martes para a entrega dos Premios da iniciativa Primavera das Letras.

A Real Academia Galega abriu este martes as súas portas ao mundo escolar para entregar os premios ‘Cóntádenos o voso Día das Letras’, actividade coa que a institución pecha a edición deste ano do Primavera das Letras, un proxecto creado para reforzar a celebración do 17 de maio entre o alumnado máis novo. O presidente da RAG, Víctor Freixanes, e a académica, Fina Casalderrey, foron os encargados de conducir un acto no que participaron 90 nenos e nenas dos centros premiados por sorteo (dun total de 80 que presentaron traballos): Carballal (Marín), Antonio Fernández López (Oural, Sarria), Carlos Casares de Vilariño (Nigrán) e Plurilingüe Os Casais (Maniños, Fene), e o Colexio rural agrupado (CRA) Amencer (Ribadavia).

Precisamente, o profesorado dos centros agradeceu que a RAG se abrise con este á comunidade escolar con proxectos coma este. José Manuel Cabana, do CEIP Fernández López de Oural (Sarria), subliñaba que iniciativas como este concurso que permiten ao profesorado “rachar coas rutinas e centrarnos en traballos que moitas veces teñen tanto ou máis valor que os traballos rutineiros”, e tamén “aprender dos demais, poñernos en contacto uns centros cos outros”.

A forza das palabras

Nesta primeira edición de Contádenos o voso Día das Letras participaron preto de 80 centros de infantil e primaria de todo o país con traballos que son boa proba da implicación e do bo facer do profesorado. “Vós sodes a sementeira”, díxolles Víctor F. Freixanes aos profesores e profesoras dos centros galardoados.

A académica Fina Casalderrey conduciu a celebración e explicou que “Primavera das Letras é unha ponte dixital para unir a Academia con vós, cos rapaces e rapazas de toda Galicia, cos profesores e profesoras”. De paso, agasallou o público relatando un conto sobre “unha ponte das palabras” capaz de poñer a ben dous irmáns pelexados. “Porque non hai nada que teña máis forza no mundo que a as palabras”, proseguiu a académica e escritora de literatura infantil e xuvenil para lles explicar deseguido as principais funcións da Academia.

Podedes ampliar aquí a información:

“O futuro da lingua” enche a Academia na entrega dos premios Contádenos o voso Día Das Letras (Crónica no portal da RAG)
Web Primavera das Letras (con recursos didácticos dirixidos a Infantil e Primaria)
Centros que participaron no concurso

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*