Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas

Odysseus II: concurso de ciencia espacialUn feixe de actividades para divulgar ciencia na nosa lingua durante este mes de novembro.

Proxeccións audiovisuais, obradoiros de diversas temáticas para experimentar, espectáculos de maxia, contacontos, guías de lectura, mostras bibliográficas, documentais, exposicións, conferencias, un certame de microrrelatos matemáticos, repositorios con materiais relacionados coa ciencia en galego e proxectos de investigación son algunhas das propostas que se desenvolverán nas bibliotecas públicas de Lugo e de Ourense, na Biblioteca de Galicia, na Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel, na Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés e na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, ademais de nos centros de ensino, a través das bibliotecas escolares (promovidas pola Asesoría de Bibliotecas Escolares da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos) e do labor que levan a cabo os equipos de dinamización da lingua galega. Os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente; a subdirectora xeral de Bibliotecas, Cristina Rubal; e a catedrática de matemática aplicada da Universidade de Santiago de Compostela Peregrina Quintela, autora do texto conmemorativo deste ano, foron os encargados de presentar o programa.

A divulgación social do coñecemento científico e da importancia da ciencia en todos os ámbitos da vida é, segundo explicou o secretario xeral de Cultura, o obxectivo central da programación, que inclúe propostas para todos os públicos. Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística animou a todos os científicos e científicas, así como á comunidade educativa, a “faceren e a divulgaren ciencia na lingua propia de Galicia, e tamén a poñer en valor as figuras dos referentes galegos da ciencia”. “Como cada ano, a Secretaría Xeral de Política Lingüística divulga desde o Portal da Lingua Galega, en www.lingua.gal, as mellores prácticas e recursos elaborados polos equipos de dinamización da lingua galega para sumárense, desde o ensino, á conmemoración do Día da Ciencia en Galego”, concluíu.

As actividades das bibliotecas centrais territoriais, algunhas delas con inscrición previa, poden consultarse na Axenda de Cultura de Galicia, a través da web www.cultura.gal, que dispón tamén dunha app para descarga en dispositivos móbiles.

COMPARTIR

2 COMENTARIOS

Deixa una resposta a VIII día da Ciencia en Galego: Viaxes pola Ciencia | Botóns Cancelar resposta

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*