A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público apoia a folga do 16N

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público apoia a folga do 16NConvocada polo estudantado, en protesta polo “desleixo na acción de goberno” respecto da educación.

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público dá o seu apoio á convocatoria de folga realizada por ‘Erguer. Estudantes da Galiza’ para o vindeiro 16 de outubro e á que está chamado a participar todo o alumnado, tanto do ensino secundario como do superior. A necesidade de facerlle fronte “á involución que a LOMCE e os recortes educativos seguen a supoñer na actualidade” é o principal argumento que expoñen. Ao fío, o voceiro da Plataforma e tamén secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, laiouse da “parálise” de todo o relacionado coa LOMCE, nunha conxuntura onde a prometida revisión e debate ao respecto no Congreso non ofrece nin parece ir a ofrecer novidades nas próximas semanas.

“O goberno do PP está aproveitando a conxuntura para implantar a LOMCE de facto e conta cunha oposición en Madrid que incumpre os seus compromisos e non é quen de impedir que a modificación da lei permaneza atascada nunha subcomisión do Congreso da que nada se sabe e que non é máis que un paripé para dar a entender que existe un debate arredor da súa implantación”, explica Bermello.

“O goberno do PP non fai máis que demostrar que a educación ten prioridade cero nos seus plans e que pretende ir implantando esta lei coa mesma unilateralidade e autoritarismo que caracterizou toda a tramitación da LOMCE”, expuxo Bermello en conferencia de prensa este xoves, criticando o “desleixo absoluto” da administración. Na mesa liña, Iria Figueroa, voceira de Erguer, recordou que “tras a suspensión das reválidas o pasado curso, após seren amplamente contestadas pola comunidade educativa, neste ano escolar a LOMCE pasa sen pena nin gloria, esquecida no debate político. Unha vez eliminado o aspecto da lei que xerou máis escándalo, esta parece agora inofensiva, cando é evidente que o problema da LOMCE é de fondo: de modelo e de proxecto. É por isto que é necesario plantarlle cara e exixir de novo a súa derrogación para que non caia no esquecemento público que interesadamente está a buscar o Ministerio”.

Outras reivindicacións alén da LOMCE

Ademais das prioridades respecto á derrogación da LOMCE, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público destaca tamén outros temas, como “os sucesivos recortes e o desprezo cara a toda a comunidade educativa que viñeron realizando os gobernos da Xunta e de Madrid no ensino galego”, citando de xeito específico os convocantes cuestións como a redución das bolsas e das axudas ao estudo, a masificación das aulas, a ausencia de profesorado especialista nalgunhas materias ou a non oferta doutras por falta de efectivos (por causa de todo o que ten que ver coas afíns e coa non convocatoria de amplas ofertas de emprego que cubriran cando menos as xubilacións), a alta taxa de interinidade na docencia, os recortes en todo o relacionado coa atención á diversidade e aos programas de reforzo educativo, as carencias nalgunhas infraestruturas e no equipamento dos centros, o peche de unidades e de ciclos, etc

En prol dunha Lei Galega de Educación

Entre os eixos reivindicativos da folga abrolla tamén a defensa dun marco legal propio a nivel galego en forma de Lei Galega de Educación. A voceira de Erguer explicou que a comezos de curso fixeron asembleas abertas en 70 centros públicos galegos para artellar propostas que se puideran incluír nesta norma e que o pasado 16 de outubro celebraron un referendo, obtendo un 94% de apoio a ditas propostas.

MANIFESTACIÓNS O DÍA 16 DE NOVEMBRO ÁS 12

Ferrol. Edificio da Xunta.
A Coruña. Praza de Vigo.
Santiago de Compostela. Alameda.
Melide. IES de Melide.
Pontevedra. Praza da Peregrina.
Vigo. Praza América
Ourense. Subdelegación do Goberno.
Lugo. Praza do Seminario

CONCENTRACIÓNS O DÍA 16 DE NOVEMBRO ÁS 12

Lalín. Praza da Igrexa.
Vilagarcía. Praza de Galiza.
Cangas. Praza do Concello.
Moaña. Praza do Concello.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*