Retransmitindo o Vindel: Ponte… nas Ondas do Mar de Vigo!

O xoves 16 alumnado galego e portugués fará en directo un programa especial.

Ponte…nas ondas! retransmitirá a través do portal Web www.escolasnasondas.com a partir das 11.00 h deste xoves 16 de novembro, e desde o Museo do Mar, en Vigo, un magazine audiovisual con persoas convidadas que abordarán diferentes aspectos das cantigas de amigo e do pergamiño Vindel. O programa será conducido por alumnado galego e portugués, baixo o título ‘Retransmitindo o Vindel’, aproveitando o Día Internacional do Patrimonio e a presenza en Vigo do pergamiño de Martín Códax.

As cantigas de amigo constitúen a expresión autóctona da literatura oral que chegou até os nosos días a través dos cancioneiros medievais e de pergamiños como o Sharrer ou o Vindel. E dese fío partirá este evento especial organizado por PNO que terá como protagonistas os centros educativos da eurorrexión.

O dúo Primordiais formado por Luis Martínez ( luthier de instrumentos de corda e arpista ) e Marcelo do Bode ( intérprete e recompilador da música tradicional ) porá música en directo a algunha das cantigas de Martín Códax e a outras da tradición oral galego-portuguesa. E polos micrófonos, como convidados, pasarán entre outros Vicente Caramés, director do Museo do Mar de Galicia, Cipriano Jiménez, do grupo Pertenza, artífice da traída do manuscrito a Vigo, a profesora da Universidade de Vigo, Camiño Noia, especialista en literatura oral e investigadora sobre a tradición oral galego-portuguesa ou o profesor Xosé Henrique Costas, que presentará neste programa o proxecto para darlle voz ás cantigas de Martín Códax en 55 idiomas.

Máis información na web de Ponte… nas Ondas!

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*