A Máquina do Tempo, app gratuíta para explorar o patrimonio

A Máquina do Tempo, app gratuíta  para explorar o patrimonioFerramenta do Consello da Cultura, con realidade virtual incluída, que abrangue cinco períodos históricos.

Coincidindo co Día do Patrimonio Mundial 2017 coñecemos ‘A Máquina do Tempo’, app gratuíta, dispoñible para as principais plataformas móbiles que pon en valor o patrimonio moble de Galicia dun xeito innovador. A iniciativa, presentada polo presidente do Consello da Cultura, Ramón Villares, e por Manuel Gago, responsable da aplicación, combina dúas tecnoloxías emerxentes: a realidade aumentada e a realidade virtual. A realidade virtual permítelle ao usuario explorar a través do seu teléfono e en calquera lugar importantes pezas custodiadas nas institucións de memoria de Galicia. A realidade virtual, a través dunhas gafas especiais, permítelle simular unha viaxe no tempo ata a época na que eses obxectos eran empregados, experimentando espazos, persoas e sons do momento.

DESCARGA ANDROID

DESCARGA IOS

Cinco períodos históricos

A app ofrece a posibilidade de explorar cinco obxectos de cinco períodos históricos distintos, custodiados en diferentes centros de memoria de Galicia. O vaso campaniforme de Vilavella (Universidade de Santiago de Compostela) lévanos á Prehistoria; o bronce votivo (Museo de Pontevedra) introdúcenos no mundo da relixiosidade da Idade do Ferro; o báculo e o anel do bispo Gonzalo (San Martiño de Mondoñedo) permítenos recrear unha coñecida lenda medieval que relata como este bispo destruíu unha armada pirata; a Virxe Abrideira de Allariz (Museo de Santa Clara de Allariz) trasládanos ao mundo das Cantigas de Santa María e o cartafol de documentos lévanos á Galicia da Ilustración, onde seguimos Vicente Álvarez de Neira polos sotos do Arquivo do Reino de Galicia na procura dun curioso documento.

Un complexo traballo de produción

O desenvolvemento da app A Máquina do Tempo levou máis dun ano e involucrou un equipo de máis de vinte persoas de diferentes ámbitos, desde especialistas en diferentes periodos históricos ata programadores, deseñadores, dixitalizadores de patrimonio ou dobradores.

A recreación de todas as épocas seguiu un coidadoso proceso de documentación e de recreación, e durante as vindeiras semanas iranse explicando en reportaxes como foi construída a ambientación de cada unha das épocas.

Un experimento educativo

O Consello da Cultura Galega está a desenvolver esta potente ferramenta no ámbito educativo, onde considera que pode ter un gran potencial para conectar aos estudantes coa cultura e a Historia de Galicia. Iniciouse un programa experimental con profesores de ensino secundario de Galicia de diferentes áreas e ámbitos (rural e urbano, norte e sur de Galicia) para implicar aos rapaces e rapazas no uso da Máquina do Tempo e na creación de novos contidos, fomentado a súa participación no futuro da app.

Fonte: Consello da Cultura

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*