“Coa comida non se xoga. Non tires alimentos!”

A Unión Europea xa dou a voz de alerta: o desperdicio alimentario cífrase en 89 millóns de toneladas (ao redor de 173 kg por persoa), correspondendo 8 millóns a EspañaNo marco da Semana Europea da Prevención de Residuos 2017 (18 ao 26 de novembro), á que Sogama se adheriu, esta empresa pública, co apoio da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, programou unha serie de actividades escolares nos institutos das localidades que limitan co seu complexo medioambiental de Cerceda (A Coruña) a fin de impulsar a redución do desperdicio de alimentos.

Serán un total de nove centros de catro municipios nos que se incidirá na necesidade de evitar que unha gran parte da comida que consumimos cada día acabe no cubo do lixo. Baixo o lema “Coa comida non se xoga. Non tires alimentos!”, educadores medioambientais especializados desenvolverán, entre os días 21 e 24 de novembro, unha serie de charlas e dinámicas orientadas aos estudantes de Bacharelato dos concellos de Arteixo (IES Manuel Murguía, IES de Sabón e IES de Pastoriza), Laracha (IES Agra de Leborís), Carballo (IES Alfredo Brañas, IES Monte Neme e IES Isidro Parga Pondal) e Ordes (IES Nº1).

Millóns de toneladas desperdiciadas

A Unión Europea xa dou a voz de alerta: o desperdicio alimentario cífrase en 89 millóns de toneladas (ao redor de 173 kg por persoa), correspondendo 8 millóns a España, o que nos sitúa como sétimo país que máis desbota, sendo o fogar, cun 42%, o ámbito no que en maior medida está presente o malgaste alimentario.

De seguir o ritmo actual, en 2020, segundo as estimacións realizadas, alcanzaranse os 126 millóns de toneladas no ámbito comunitario, supoñendo un incremento do 40%.

O paquete europeo de economía circular, que viu a luz en decembro de 2015, advertía sobre esta situación, contemplando entre os seus obxectivos a necesidade de reducir o malgaste de alimentos á metade no horizonte do ano 2030.

Reverter esta situación está en mans de todos os que formamos parte da cadea alimentaria, sendo as boas prácticas no ámbito familiar unha importante ferramenta para loitar contra un problema que ten un grave impacto sobre o medio ambiente, a economía e a sociedade, amén doutras implicacións de carácter moral: tiramos ao lixo inxentes cantidades de comida mentres que millóns de persoas en todo o mundo están a morrer de fame.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*