Malestar pola ausencia de consulta no adianto a xullo a ABAU de setembro

Docentes do ensino non universitario critican a través da CIG que non se lles escoite na reelaboración do calendario.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) e as tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG), a través dos seus delegados reitorais na CIUG, acordaron adiantar ao mes de xullo a realización da proba extraordinaria de acceso á universidade, que ata o momento se estaba realizando en setembro.

Logo de que as universidades adiantasen as súas probas extraordinarias de setembro ao mes de xullo, ao fío do Plan Boloña, as aulas estaban abrindo curso xa en setembro. Unha situación que causaba que o alumnado que realizaba as probas de acceso en setembro, incorporábase ao primeiro curso coas clases xa iniciadas. O cambio aplicarase por primeira vez ao alumnado matriculado no curso 2018/19 en 2º de bacharelato, que está previsto que conte con unha convocatoria ordinaria de proba de acceso á universidade no mes de xuño e con outra extraordinaria no mes de xullo de 2019. De media, arredor do 10% do alumnado desta etapa vén presentándose nesa proba extraordinaria. Por exemplo, no curso 2016/2017 o 7,1% do alumnado que ingresou no Sistema Universitario Galego fíxoo a través desa proba de setembro. As universidades pasarán de ter oito prazos de matrícula para o ingreso de alumnos a só seis.

Malestar dos docentes do ensino non universitario e reforma pendente do calendario

Desde a Consellería de Educación sosteñen que se adaptará o calendario da proba extraordinaria para o alumnado de 2º de Bacharelato ás datas previstas para a realización da proba de acceso.

Desde a CIG-Ensino sinalan que é obvio que existía unha disfunción entre o inicio de curso na universidade e as probas de setembro da ABAU ao que lle había que buscar unha solución e que o cambio responde a unha reivindicación que viñan facendo as universidades nos últimos anos. Mais, con todo, lamentan que nada se comenta no comunicado da consellería respecto da opinión do profesorado do ensino non universitario, das organizacións sindicais que o representan, das ANPAS, do estudantado, dos Movementos de Renovación Pedagóxica, ou, precisamente por englobar a todos estes colectivos, do Consello Escolar de Galicia, “un órgano consultivo ao que a Consellaría prefire non consultar”.

“Vemos, por tanto, como o calendario escolar imposto coa aplicación do Plan Boloña nos estudos superiores condiciona o calendario do ensino secundario sen un contraste nin da experiencia da súa aplicación na Universidade nin que sexa escoitada a comunidade escolar”, expoñen, engandindo que lamentan que “a Consellaría vire de novo as costas ao profesorado galego ao tomar decisións que nos afectan laboralmente sen escoitar previamente o seu parecer na Mesa Sectorial e no Consello Escolar”. Na opinión da CIG -Ensino “sería máis intelixente establecer un debate sosegado e real sobre todo o calendario escolar galego, pero o Partido Popular volve actuar con feitos consumados”.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*