
Unha historia de aventuras sobre unha organización clandestina creada para salvar obras de arte.
Marilar Aleixandre é, coa súa novela ‘A filla do Minotauro’, a primeira muller que gaña, nesta úndecima edición, o certame de literatura infantil e xuvenil Raíña Lupa, convocado pola área de Cultura da Deputación da Coruña, que en edicións anteriores gañaran os escritores Héctor Cajaraville, Xesús Fraga, Marcos Calveiro, Carlos López, Antonio Yáñez, Breogán Riveiro, Xosé A. Neira Cruz, Antonio Reigosa, Mario Pereira e Agustín Fernández Paz.
A obra, titulada ‘A filla do Minotauro’ e presentada co lema Siracusa, relata unha historia de aventuras sobre unha organización clandestina creada para salvar obras de arte. O xurado destaca “a mestura de tempos históricos” da novela e a súa “relectura moi actual da mitoloxía grega cunha gran sensibilidade co patrimonio cultural”. A través da aventura que protagoniza a obra pódense facer, segundo o xurado, “moitos niveis de lectura”. Ademais, destacan a “calidade literaria da obra” nunha convocatoria cun “alto nivel das obras publicadas”.
A obra finalista, titulada ‘Como bágoas de dragón’, está asinada pola escritora Andrea Maceiras. A novela xira arredor do acoso escolar. Nesta edición presentáronse ao concurso un total de 48 obras, case o dobre do pasado ano que foron 27 as que concorrían ao galardón.
O xurado estivo composto por Héctor Cajaraville –gañador da edición anterior- Charo Pita, Antonio Reigosa, Pilar Sampedro e María Solar coa vicepresidenta da Deputación da Coruña e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei como presidenta do xurado e a xefa de sección da área, Manuela Muñiz, como secretaria.
Premendo na imaxe do “trasno de alqueidón” podes ir á peneira de recursos sobre a autora: Lendo a Marilar Aleixandre