Orzamentos 2018: Incremento cero do profesorado e perda de peso da Educación respecto ao global

A CIG-Ensino quéixase do papel secundario que ten este departamento no conxunto da Xunta.

Os orzamentos de Educación representaban un 27% do total en 2009, mentres que na actualidade, case dez anos despois, apenas superan o 22%. Eses cinco puntos porcentuais de diferenza foron destacados este luns durante a conferencia de prensa convocada por CIG-Ensino para avaliar os orzamentos da Xunta para 2018, laiándose de que a consellería de Educación sexa, por tras de Medio Rural e Facenda, a que menos medra en investimento no global orzamentario. Segundo as contas da confederación sindical, desde a saída do bipartito do executivo naquela altura, os consecutivos orzamentos do Goberno amosan unha perda total de ata 1.936 millóns de euros neste departamento.



Oportunidade perdida

O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, lamentou especialmente que os orzamentos de persoal (o 59% do total de gasto da consellería), queden por baixo do incremento medio neste capítulo no conxunto da administración, perdendo a oportunidade de “acometer un cambio substancial na deriva de empeoramento salarial e de condicións de traballo do profesorado”. “Non se restitúe ningún dos dereitos roubados, como o de cobrar o verán para o persoal substituto con cinco meses e medio traballados; non se recuperan os postos de traballo suprimidos (máis de 3.000 na era Feijoó); nin o poder adquisitivo perdido; nin se reduce a carga burocrática que ten que asumir o profesorado pola falta de persoal administrativo, así como outras tarefas, como xestionar o préstamo dos libros de texto, ou vixiar o transporte ou o comedor en ausencia de persoal auxiliar ou coidador e negando a posibilidade de incorporar nos centros que así o precisen a figura de educadores sociais, fisioterapeutas e outros profesionais que permitan unha adecuada atención á diversidade e ás necesidades educativas especiais”, explicou Suso Bermello.

En comparación coa situación, o representante sindical sinalou que as partidas destinadas á concertada soben un 1,23% máis que as da pública, até acadar os 286 millóns de euros, “o que demostra a aposta privatizadora do goberno do PP neste eido. Nestes intres, o ensino privado copa xa o 12,26% dos orzamentos da Consellaría de Educación, dos que a maioría (un 11,58%) van para os concertos educativos, entre os que se inclúen os centros que segregan o alumnado por sexo”.

Bermello tamén se referiu ao “incremento cero” do cadro de persoal e cualificou de “complicidade” a posición dos sindicatos CCOO, UXT e CSIF “que asinaron o acordo de marzo de 2017 co goberno do Estado e a súa réplica mimética de outubro en Galicia, aplicando obedientemente o mandato do Ministerio de Facenda”.

Por último, a CIG-Ensino recordou tamén que os fondos destinados á promoción do galego antes da chegada de Feijóo eran 21,8 millóns de euros, “tres veces máis que na actualidade”.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*