Co lema “Falámosche dos nomes da túa terra” bota a andar unha xira de encontros para a posta en valor da microtoponimia.
Xestoso, Freán, Lamarregueira, Fontemaior, A Cucurela… A toponimia é a disciplina que estuda os topónimos ou nomes propios de lugar: os das aldeas e parroquias, os dos ríos e leiras, os dos penedos e fontes. Constitúe un aspecto fundamental do noso patrimonio que liga a lingua propia coa xeografía, a historia ou a arqueoloxía de noso.
Catorce concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) acollerán os eventos deseñados co obxectivo de concienciar sobre a importancia e a necesidade da xeorreferenciación e xeolocalización deste patrimonio inmaterial.
Ao longo do mes de decembro, A Coruña, Arteixo, Boqueixón, Lousame, Melide, Miño, Vedra, Palas de Rei, Sober, O Carballiño, Ourense, Cangas, O Grove e Silleda acollerán conferencias do filólogo Vicente Feijoo, especialista en toponimia e membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega. Nelas falarase de toponimia galega (os motivos da abundancia de nomes de lugar no país, a toponimia galega como patrimonio inmaterial…) e tamén da propia de cada concello (significado dos nomes das parroquias e das aldeas; como consultar a toponimia xeorreferenciada de cada municipio no Buscador de topónimos; utilidades desta ferramenta…).
Para alén disto, nos concellos que teñan sen recoller a súa microtoponimia -é dicir, os nomes de leiras, camiños, fontes, penedos…- mostrarase unha app que lles permitirá aos veciños e veciñas colaborar para rexistrar e subir á rede tanto os microtopónimos como as lendas a eles asociadas, de xeito que todos poidan colaborar na salvagarda deste patrimonio inmaterial que é o noso orgullo.
A iniciativa foi presentada a pasada semana polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, canda o académico da lingua galega Xesús Ferro Ruibal; Vicente Feijoo, encargado das charlas; e Antonio F. Guiadanes, responsable da etimoloxía e a motivación deste proxecto. Os dous últimos son, canda o xeógrafo Antonio Fraga, os responsables técnicos do programa.