CIG-Ensino considera que a consellería non toma en serio a formación do profesorado en igualdade

A CIG-Ensino fixo público este martes un comunicado no que critica que a administración matricula obrigatoriamente o profesorado nun módulo de formación “autoxestionada”, e sen o seu coñecemento previo, “que consiste basicamente en respostar un cuestionario sobre lexislación e protocolos da propia administración”. Cren que isto significa que para a consellería algo tan importante como a formación do profesorado nas áreas de igualdade, convivencia e inclusión “non é máis que un mero trámite legal que intenta cubrir cun curso autoxestionado, no que inscribe, sen comunicarllo previamente, a todo o profesorado que está incluído nos Plans de Formación nos Centros Educativos. A súa intención é estender esta formación a todo o persoal docente nos vindeiros cursos”.

“Para o profesorado galego é necesaria, incluso indispensábel, unha boa formación nestes temas dada a súa relevancia social e a necesidade de afrontar a educación en valores na aula. Porén, esta formación non se pode converter nun mero trámite e limitarse a un curso online que consiste basicamente en contestar un cuestionario a partir da consulta de lexislación e de protocolos da administración relacionados con estas temáticas”. Desde a CIG-Ensino consideran que este módulo non pode substituír o que debería ser unha formación en profundidade en materia de igualdade, convivencia e inclusión e que lle permita ao profesorado contar con recursos educativos para afrontar a transmisión de valores na aula e mesmo a resolución dos conflitos que se poidan xerar en relación a estas cuestións.

Desde a central sindical esíxenlle á administración que planifique unha oferta formativa “en condicións e para todo o profesorado” e que esta non se converta nunha nova carga burocrática, un exame que simplemente hai que pasar para que a Xunta xustifique que está cumprindo a legalidade.

Fonte: CIG-Ensino

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*