Urxen o Goberno a crear o equipo que redacte o plan educativo para o rural

A Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural reclama o deseño da estratexia educacional e socioeconómica chave para o futuro.

A Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural, entregou esta semana unha innovadora proposta de traballo transversal á Xunta de Galicia, Consellerías de Educación, Medio Rural e Política Social, cunha demanda incluída: que neutralice a perda de servizos públicos de educación, sanidade, dependencia; coma consecuencia da perda de poboación e identidade no rural galego.

A proposta consiste en constituír un Equipo Técnico Interdisciplinar que elabore un Anteproxecto para un Plan de Educación Específico para o Rural, dende unha ollada integral, globalizadora, comunitaria e integrada nunha Estratexia Intersectorial de máis calado que vertebre as bases dun rural contemporáneo e de futuro.

Este Equipo Técnico Interdisciplinar estaría composto por un grupo no que habería persoas técnicas expertas en educación e no tecido socioeconómico do rural, con tres niveis de representatividade, propostos do seguinte xeito:

  • un nivel de representatividade institucional -Xunta de Galicia- que nomearía un terzo das persoas técnicas do equipo;
  • un nivel de representatividade do persoal investigador e expertos en educación no rural procedentes das universidades e do sector profesional;
  • e un nivel de participación transversal das entidades do rural que realizan o seguimento do proxecto.

Demanda que neutralice a perda de servizos públicos de educación, sanidade, dependencia; coma consecuencia da perda de poboación e identidade no rural galegoIgualmente, a Rede dá traslado da mesma encomenda a todos os Grupos Parlamentarios Galegos para que substancien esta proposta da sociedade rural en traballo de negociación, proceso e xestión de textos lexislativos para sacar adiante as peticións cidadáns.

Ao mesmo tempo, a proposta da Rede preséntase diante da Xunta de Galicia coa finalidade de que forneza unha canle de participación á sociedade civil do rural na definición do seu propio presente e futuro proxecto de vida neses territorios.

Enceto dun novo tempo

Con esta iniciativa, a Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural, tenta comezar un novo tempo que vén demandando a sociedade rural de interlocución entre a base do tecido sociocomunitario do rural diante da Xunta de Galicia, sempre baseado no dereito á participación que lle recoñece o ordenamento xurídico e normativo.

Que é a Rede galega de educación e desenvolvemento rural?

A Rede, que está a medrar cada, comunica e aglutina transversalmente xa a máis de cen entidades e colectivos representativos do tecido socioeconómico rural galego.

Sinerxía participativa do tecido socioeconómico e comunitario

A rede está integrada por ovementos de renovación pedagóxica, sindicatos docentes e agrarios, profesorado universitario e doutros ámbitos, persoas expertas en ciencias sociais e da educación, movementos ecoloxistas, de loita pola igualdade de xénero, colectivos ruralistas, asociacións veciñais, federacións e confederacións de Anpas a nivel galego, comunidades de montes en man común, grupos de economía e consumo responsable, cooperativas, autónomos, colexios profesionais, Mesa Galega de Educación no Rural, centros de desenvolvemento rural, e un amplo grupo de entidades culturais, etnográficas e doutro tipo.

Finalidade

Todas elas conforman esta iniciativa sociocomunitaria transversal, que ten coma finalidade visibilizar e portavocear, para reivindicar a participación activa no deseño e planificación dun Rural contemporáneo e de calidade sen renunciar ós seus sinais identitarios.

Fonte: Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*