A Primavera das Letras 2018 arrinca na escola: “Aí está o corazón do futuro”

Cunha homenaxe a María Victoria Moreno, o CEP Marcos da Portela acolleu o lanzamento do proxecto da Real Academia Galega.

Por terceiro ano consecutivo, a Real Academia Galega (RAG) tende unha ponte coa rapazada de todo o país botando a andar Primavera das Letras. O proxecto, dirixido aos máis de 137 mil rapaces e rapazas que cursan o ciclo de primaria, busca achegar contidos didácticos e lúdicos sobre os autores aos que cada ano se lle dedica o Día das Letras. As actividades teñen un enfoque transversal que conflúe cos contidos curriculares que os docentes traballan nas aulas. O proxecto inclúe a visibilización do traballo da comunidade educativa a través do concurso “Contádenos o voso Día das Letras”, propostas cheas de “creatividade, entusiasmo e entrega” dos e das docentes, puxo en valor o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes. Na súa primeira edición recibiu as achegas de máis de 80 centros educativos que a Academia recolleu nunha peneira de boas prácticas que podemos atopar na web de Primavera das Letras. O certame convocarase desta volta para compartir as iniciativas escolares arredor de María Victoria Moreno.

Pola súa fonda relación con María Victoria Moreno, Pontevedra foi a cidade elixida para botar a andar o Primavera das Letras deste ano 2018. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e as académicas Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre formaron parte da comitiva que se achegou ata o colexio Marcos da Portela (Monteporreiro). No acto no que tamén estiveron presentes familiares de María Victoria, os protagonistas indiscutibles foron os alumnos e alumnas do centro, que recitaron e dramatizaron diferentes anacos da obra da escritora.

A directora do colexio público pontevedrés, Alicia Martínez, mostrou o seu agradecemento polo feito de que se conte coas escolas na celebración do 17 de maio. Tamén lembrou o compromiso de María Victoria “na defensa a ultranza, en tempos realmente difíciles, da lingua galega. Agardamos que esta festa da palabra que hoxe celebramos xuntos nos invite a seguir con entusiasmo as súas pegadas no eido da lingua”.

“Nesa viaxe, está a nosa lingua”

Durante a súa intervención, Fina Casalderrey, explicou os obxectivos do Primavera das Letras e reivindicou o traballo do profesorado galego: “Dende a RAG sabemos que onde máis se terma da fala é dende os primeiros anos, cos pequenos e pequenas, e tamén sabemos canto traballo hai dos mestres e mestras”.

“Aí está o corazón do futuro. A docencia consiste en comunicar emocións, comunicar coñecementos, comunicar valores, ser quen de compartir cos rapaces e rapazas unha maneira nova de ver o mundo. Nova quere dicir máis democrática, máis nosa. E, naturalmente, nesa viaxe está a nosa lingua”, expresou Víctor F. Freixanes.

Podedes ver nesta ligazón os primeiros materiais do Primavera das Letras 2018 (dende a RAG anunciaron a publicación de novos contidos no web ao longo das vindeiras semanas)

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*