‘FalaRedes’ homenaxea a María Victoria Moreno cunha obra teatral

Coa proposta Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos, de Matrioshka Teatro.

Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos é unha peza teatral de Matrioshka Teatro dirixida a público xeral a partir dos 14 anos e centrada en difundir a vida, obra e pensamento de María Victoria Moreno. Vai seguida dun coloquio no que se convida a participar ao público asistente, co que se promoven asemade o diálogo en galego e un coñecemento máis profundo da escritora.

A actividade pasará por 10 concellos da Rede de Dinamización Lingüística. O percorrido comezou en Sanxenxo o venres 20 de abril, onde ademais da sesión especial no IES de Vilalonga, houbo un segundo pase para todo o público ás 21:00 horas no Auditorio do Pazo Emilia Pardo Bazán. Durante a fin de semana, Señora que pasea polas rúas con dous cans preciosos fai parada o sábado no Auditorio Municipal “Ángel Cocho” de Xinzo de Limia ás 19:30 horas.

Nas próximas semanas, e ata o domingo 6 de maio, esta peza teatral chegará tamén a Vilagarcía de Arousa, Boqueixón, Valga, Viveiro, Boiro, Noia e O Carballiño. O calendario completo pode verse no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/falaredes).

FalaRedes 2018
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu á sesión inaugural da actividade de dinamización lingüística Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos, con que a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) que el preside lle rende homenaxe á autora a quen se lle dedicará este ano o Día das Letras Galegas.

Valentín García explicou que FalaRedes é un programa centrado na oferta de ocio en galego para toda a poboación e, dunha maneira especial, para a infancia e a mocidade, “que ten nas súas mans o futuro da lingua”. “Ese obxectivo mantense con esta actividade, que ademais nos permite renderlle homenaxe a unha autora que se dirixiu fundamentalmente aos nenos e nenas e mais aos adolescentes, por quen sentía unha predilección especial como escritora e como profesora”. Precisamente isto é o que, en palabras do secretario, “explica que poñamos a andar Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos nunha sesión especial que se desenvolve nun dos institutos galegos onde ela impartiu docencia e a cuxo alumnado lle dedicou a súa obra máis coñecida”.

A oitava edición do programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’ mantén os obxectivos das anteriores de ofrecer propostas de lecer de calidade en galego para todas as idades e de promover, con elas, o uso e mais a valoración positiva da lingua propia de Galicia. Neste momento, hai en marcha dúas actividades, Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos e o concerto de música infantil Enredando con Pakolas. Ata finais de ano iranse incorporando novas propostas que percorrerán os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con máis de 180 entidades adscritas.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*