Unindo voces para a conservación das aves

Este é o lema do Día Mundial das Aves Migratorias 2018 que se celebra en dobre convocatoria: 12 de maio e 13 de outubro.

Este ano a campaña terá unha nova dimensión global, ao unir os principais corredores migratorios do mundo, tamén chamados corredores aéreos e, por primeira vez, haberá dous días de campaña: o segundo sábado de maio e de outubro. Os promotores chaman a axudar a aumentarmos a sensibilidade acerca das aves migratorias e da necesidade da súa conservación coa organización de programas educativos, conferencias, paseos de observación de aves, visitas a observatorios de aves, concursos, exposicións de arte e outros eventos públicos.

Este ano o Día Mundial das Aves Migratorias xunta dúas das campañas máis grandes do mundo para a sensibilización e a educación acerca das aves, o Día Internacional das Aves Migratorias e o Día Mundial das Aves Migratorias, conmemoracións promovidas por diferentes colectivos. A través dunha nova asociación que une os seus esforzos de maneira formal, o obxectivo é colaborar para aumentar a sensibilidade acerca da situación penosa na que se atopan as aves migratorias en todo o mundo e destacar a necesidade urxente da súa conservación. A partir de 2018, a nova campaña conxunta adopta o nome único de “Día Mundial das Aves Migratorias”.

Mediante a unificación das dúas campañas de conservación das aves máis importantes a nivel mundial e dos principais corredores aéreos do planeta (os corredores aéreos de África– Eurasia, Asia oriental- Australasia e as Américas), o Día Mundial das Aves Migratorias ( DMAM) ten como obxectivo chegar a unha audiencia máis ampla e amplificar a súa mensaxe sobre a conservación das aves. Esta campaña sensibiliza acerca da necesidade de conservar as aves migratorias e os seus hábitats, das ameazas ás que se enfrontan, da súa importancia ecolóxica e da necesidade de cooperar a nivel internacional para conservalas. Cada ano persoas de todo o mundo actúan e organizan eventos públicos, tales como festivais de aves, programas educativos, exposicións e excursións de observación de aves para celebrar o DMAM.

Máis información sobre a convocatoria e sobre as aves na web do DMAM: www.worldmigratorybirdday.org e na web de SEO/BirdLife: www.seo.org

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*