A plataforma cidadá Queremos Galego, composta por máis de 500 colectivos sociais de todo tipo, presentou hoxe o acto final da manifestación para o 17 de maio baixo o lema “En galego día a día”. A manifestación percorrerá as rúas de Santiago de Compostela saíndo ás 12h da Alameda.
O voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira, acompañado de Nieves Rodríguez e membros da xestora da plataforma cidadá, informou dos diversos actos nas comarcas galegas para informaren da manifestación. Na web www.queremosgalego.gal aparece recollida toda a información dos buses a disposición de todas as persoas que desexaren acudir a Compostela a impulsar a plena normalización da lingua galega desde máis de 20 localidades, desde Ribadeo á Guarda.
En galego día a día
Queremos Galego reclamará este 17 de maio o día a día das persoas que fan que a lingua viva mais ás que se lles exixe un esforzo que non terían que facer se quixeren utilizar unha lingua plenamente normal. Queremos Galego reclamará este 17 de maio o día a día das persoas que fan que a lingua viva mais ás que se lles exixe “un esforzo que non terían que facer se quixeren utilizar unha lingua plenamente normal”, explicou Marcos Maceira, voceiro da Plataforma.
Para Nieves Rodríguez, presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galiza, é necesario reivindicar a lingua “porque as linguas non supoñen ningunha barreira e menos o galego en Galicia, porque como traballadoras do audiovisual facemos contidos para galegas e galegos”. “Como comunicadora que son non podo máis que defender a miña lingua”, concluíu. A manifestación rematará na praza da Quintana onde precisamente a comunicadora e actriz Nieves Rodríguez, galardoada co premio á mellor comunicadora nos premios Mestre Mateo deste ano polo seu traballo no programa Vaia Troula!, conducirá o acto final.
Haberá a lectura do manifesto En galego día a día por persoas destacadas de diferentes ámbitos como a xustiza ou a administración, de actualidade por sucesos como o recente en Lugo polas trabas á hora de usar o galego. Actuarán Franki e os labregos da linguaxe co rap “Rapea, que a lingua non para” que é o manifesto gañador do Correlingua 2018.