O CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo (A Coruña) e mais o IES Gonzalo Torrente Ballester de Pontevedra fixéronse cos galardóns do Concurso-Exposición Letras Galegas 2018, convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, nas modalidades de educación infantil e primaria, co traballo ‘Victoria Moreno, mestra con alma’ e de educación secundaria e ensinanzas especiais, co traballo ‘Sombra e luz’, respectivamente.
Os dous centros gañadores recibirán un premio en metálico por importe de 2000 euros cada un e o profesorado implicado no seu deseño e posta en marcha, unha certificación de premio de innovación educativa equivalente a 20 horas de formación (30 no caso do coordinador ou coordinadora do proxecto). Ademais, as dúas coleccións de 10 carteis que integran cada unha das mostras e as súas correspondentes guías didácticas, imprimiranse e distribuiranse en preto de 2000 puntos de Galicia e do exterior. O obxectivo desta difusión é achegarlle ao alumnado, á sociedade galega, á colectividade emigrante e ao estudantado de galego no estranxeiro a figura de Mª Victoria Moreno, a súa obra e o tempo que lle tocou vivir.
Os dous proxectos didácticos están tamén a disposición da comunidade educativa no Portal da Lingua Galega, canda outros materiais especialmente elaborados para conmemorar as Letras Galegas.
Recursos Infantil e Primaria: ‘Victoria Moreno, mestra con alma’
Recursos Secundaria: ‘Sombra e luz’