Concentración este mércores diante do Parlamento en contra das reválidas e da LOMCE

Convocatoria da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público (PGDEP).

Nota íntegra da PGDEP:

Coincidindo co inicio destas probas externas o día 23 de maio en 3º de Primaria, a Plataforma concentrarase baixo o lema “Tirar abaixo a LOMCE. Boicotear as reválidas” e anima as familias a non enviar o alumnado eses días ao centro ou a negarse a facelas. En anos anteriores este boicot foi seguido polo 80% da comunidade educativa.

Esta semana está previsto que comecen as coñecidas como reválidas en todos os centros de Galiza nos que se imparte 3º de Primaria, en concreto os días 23 e 24. A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público (PGDEP), que agrupa a colectivos de nais e pais, estudantes e profesorado, entre outros, ten previsto concentrarse este mércores a partir das 10:45 diante do Parlamento de Galiza para amosar o seu rexeitamento a estas probas e por extensión a todo o que supón a aplicación da LOMCE.

Ao igual que o que acontece coas chamadas probas PISA, que tamén se levarán a cabo este curso en determinados centros galegos, aínda que a Consellaría non desvelou en cales, as reválidas responden aos intereses de organizacións como a OCDE, de grandes empresas privadas educativas e dos principais lobbys editoriais. Á marxe de que non teñen ningún valor académico, grazas á presión exercida pola comunidade educativa na súa loita contra a LOMCE, estas probas supoñen un elemento de tensión innecesaria para o estudantado, xerarquizan as materias e os contidos en base a criterios puramente economicistas e supoñen un desprezo ao labor docente, á súa autonomía e liberdade de cátedra, así como ao valor que ten a avaliación continua dentro do proceso de ensino-aprendizaxe.

Por estes motivos, as familias levan varios anos rexeitando estas probas e arredor dun 80% dos rapaces e das rapazas dos distintos niveis nos que estaba prevista a súa execución non participaron nelas. A PGDEP volve facer un chamamento ao boicot e a manter este rexeitamento para conseguir derrogar definitivamente esta lei, que nestes intres semella estar en punto morto, pero que está plenamente vixente e que o goberno do PP está aplicar a falta dunha oposición política contundente que o obrigue a paralizala por completo.

A Plataforma tamén lle solicita ao profesorado e aos equipos directivos que, na medida do posíbel, lle faciliten ao alumnado, que por problemas de conciliación non poida quedar na súa casa durante os días de celebración das probas, poder estar no centro pero sen asistir ás reválidas.

O resto das probas están previstas para os días 29 e 30 de maio e atinxirán a 6º de Primaria e 4º da ESO pero neste caso só se escollerá unha mostraxe de centros que aínda non se coñecen. A Consellaría de Educación segue a actuar con escurantismo tanto neste proceso como no das famosas probas PISA.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*