Éxito do boicot ás reválidas

Segundo os datos da Plataforma Galega polo Ensino Público, máis dun 80% en 6º de Primaria e un 96% en 4º da ESO secundan a protesta convocada.

A chamada da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, da que forma parte a CIG-Ensino, animando a non baixar a garda ante a convocatoria das reválidas impostas pola LOMCE en 450 centros galegos esta semana, tivo unha resposta case unánime por parte das familias.

Despois de máis dun 80% de seguimento nas reválidas de 3º de EP, este martes o boicot foi aínda maior tanto en 6º de Primaria como en 4º da ESO. No caso da proba final de 6º superouse novamente o 80% e no caso do alumnado da ESO o boicot chegou ao 96%, o que segundo a plataforma “demostra o alto nivel de concienciación da sociedade galega contra a peor lei educativa imposta unilateralmente polo partido corrupto que a día de hoxe aínda segue á fronte do goberno español”.

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público congratúlase de que o boicot sexa masivo no noso país e que ademais esta mobilización sexa moi superior ao que acontece no resto do Estado. “Este feito amosa un grao moi importante de implicación da nosa sociedade e a confirmación de que é necesario que as organizacións que levamos anos loitando contra a LOMCE manteñamos o pulso e a iniciativa para derrubar esa lei e toda a política hostil do PP contra a educación”, sinalan.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*