Marco Numérico: primeiro número da pioneira revista de matemáticas do IES Marco do Camballón

Acaba de saír do prelo o primeiro número de Marco Numérico, publicación de investigación matemática impulsada polo Departamento de Matemáticas do IES Marco do Camballón, que pretende ofrecerlle ao alumnado do segundo ciclo de ESO e, especialmente, ao de Bacharelato a realización e publicación dos seus propios traballos de investigación, suxeitos aos estándares de profundidade, rigor e forma habituais do mundo académico.

“A lei de Benford. Estudo descritivo”, “Descifrando o Enigma”, “Chove ou non chove?”, “O teorema dos infinitos monos”, “Modelo para o cálculo das pensións”, “Correlación de magnitudes exoplanetarias” e “Método de calibración do sensor de ozono MQ131 para placa Arduino”. É o título dos artigos do alumnado cos que abre a revista.

Trátase dunha publicación aberta a artigos científicos escritos en galego e ten carácter anual. Este primeiro número difunde sete artigos do alumnado de 2º de bacharelato e conta cun limiar de María Elena Vázquez Cendón, profesora titular do Departamento de Matemática Aplicada e Decana da Facultade de Matemáticas da USC.

Para os vindeiros números prevese abrir a participación a outros centros de ensino. Pódese ver a publicación íntegra nesta ligazón.

Extracto do limiar asinado por Elena Vázquez Cendón:

“(…)O proxecto ten de local o que proxecta no nome Marco, pero ten de universal que comparte o proxecto coa súa contorna e que investigarán en temas globais, motivados polo local, ou aplicados ao local. Responderanse e axudarannos a seguir respondendo ás aplicacións das matemáticas. Descubrirán que as matemáticas son un mundo de coñecementos que interseca con outros moitos coñecementos que, antes de mergullarse no reto do Marco Numérico, pensarían que non estaban conectados. As e os estudantes asumirán o reto de ser avaliadores, detectarán o sabor doce da admiración e o amargo de rexeitar traballos ou de identificar erros nos traballos doutros autores. Asumindo esa responsabilidade aprenderán e, como corolario, asumirán a autocrítica con eficiencia (…)”

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*