Un de cada dez interinos ao paro ou en peor condición laboral, segundo denuncia da CIG-Ensino.
Segundo o estudo pola CIG-Ensino e presentado este mércores polo seu secretario nacional, Suso Bermello:
– O 36% das persoas que aprobaron as oposicións nunca traballaran para a Consellaría de Educación
– Dous terzos das persoas aprobadas teñen un máximo de 2 anos como persoal interino.
– A porcentaxe de docentes interinos con máis de 5 anos de experiencia que aprobaron as oposicións é do 18%.
– No caso daquelas persoas cunha longa experiencia profesional (superior a 10 anos) a porcentaxe de aprobados limítase ao 5% (79 persoas en total en todos os corpos).
A formación sindical calcula que máis dun 11% do persoal interino que tivo nomeamento durante todo o curso pasado perderá o seu posto de traballo ou verá empeoradas as súas condicións laborais despois de que a Consellaría convocara oposicións sen facer un estudo serio sobre a previsión de xubilacións e a situación deste colectivo en cada especialidade. Serían un total de 172 en Primaria e 256 en Secundaria as prazas afectadas por esta falta de planificación.
Con respecto á vindeira convocatoria de oposicións, Suso Bermello indicou que “dado o hermetismo e a falta de transparencia ao que nos ten acostumados a Consellaría non podemos ser moi optimistas. Mais agardamos que se arranxen as irregularidades que deron pé ás múltiples queixas que se produciron este ano e a que quedaran por cubrir un 16% das prazas ofertadas, após a farsa de inflar a cifra total coas prazas de promoción interna”.
Denuncia do acordo salarial
Bermello fixo balance tamén doutros aspectos da política educativa que deixa un inicio de curso con 74 aulas de infantil e de primaria pechadas, “sobre todo no rural, cunha insuficiente atención á diversidade ao non incrementarse os cadros de persoal de profesorado especialista en Audición e Linguaxe, Orientación e Pedagoxía Terapéutica e limitarse só a converter 135 postos provisionais en fixos durante o curso pasado pero fixando o carácter itinerante a estas prazas”.
A formación tamén critica a ampliación de ratios, “que nalgúns casos están por riba dos máximos legais”. “A redución de horario lectivo e de ratios suporía unha mellora relevante na calidade do ensino ao ter menos grupos que atender, permitir os desdobres e os reforzos e reducir a impartición de afíns, podendo así dedicar máis tempo á coordinación e ao traballo en equipo nos centros, o que levaría indirectamente a aumentar os postos de traballo paliando, en parte, os efectos das oposicións sobre o persoal interino”, indican.
Máis información na web da CIG-Ensino