A Oficina Europea de Patentes mantén o monopolio sobre os tratamentos para a hepatite C

Rexeita o recurso de 17 colectivos que reclamaban facilitar xenéricos máis baratos.

A pasada semana a Oficina Europea de Patentes (EPO) valorou o recurso presentado en marzo de 2017 por organizacións de 17 países (Médicos do Mundo, Médicos Sen Fronteiras e a Fundación Salud por Derecho entre outras) contra a patente do sofosbuvir, un medicamento crucial para o tratamento e a cura da hepatite C.

A EPO decidiu manter esta patente clave sobre este compoñente, facilitando o monopolio da compañía Gilead Sciences e imposibilitando o desenvolvemento e a venda de versións xenéricas máis alcanzables en Europa.

O tratamento de 12 semanas de Sovaldi (nome comercial para o sofosbuvir) ten un prezo de ata 43.000 euros en Europa, segundo que país e segundo as negociacións de Gilead con estes. Este prezo, totalmente desorbitado, supuxo e supón unha barreira para os sistemas de saúde de case todos os países, que terminan racionando a compra de medicamentos e, en consecuencia, deixando a miles de persoas afectadas pola Hepatite C sen o tratamento para a súa enfermidade.

Desde a Fundación Salud por Derecho consideran que a decisión da EPO “é terriblemente decepcionante e volve poñer de manifesto o inxusto e amoral do sistema de patentes nos medicamentos. Esta decisión lexitima unha patente, inxustificada desde o punto de vista legal e científico, que permite a Gilead abusar da súa posición e impoñer prezos altísimos e inaccesibles a un medicamento que salva vidas e que necesitan miles e miles de persoas, non só en Europa, senón en todo o mundo”.

As organizacións apelaran a decisión da Oficina Europea de Patente: “É necesario acabar coas patentes abusivas sobre os medicamentos: patentes como a do ofosbuvir ou como as dos novos medicamentos para o cancro, que están a saír ao mercado con prezos que alcanzan os 400.000 euros por tratamento. Non hai sistema de saúde no mundo que poida afrontar esas cifras”.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*