Asubíos de agarimo co planeta

O espectáculo de Elefante Elegante é a estrela do Falaredes este outono.

A pasada fin de semana o concello de Fene acolleu a estrea de Asubíos, peza teatral para o público familiar, infantil e xuvenil baseada no respecto polo medio natural, as emocións, os afectos e o humor que leva a escena este outono a compañía Elefante Elegante da man do programa FalaRedes de dinamización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística . A peza percorrerá 20 concellos durante os meses de outubro, novembro e decembro.

Asubíos é unha peza libremente inspirada no conto “Cada home é unha raza”, do escritor mozambicano Mia Couto, ao fío do cal Maria Torres e Gonçalo Guerreiro elaboraron un texto orixinal para a escena. Desta volta, a temática xira arredor do medio natural e de como vivir en harmonía con el: trátase dun alegato para unha vida respectuosa do ser humano coa terra que o acolle.

A Cidade Cinza era absolutamente silenciosa. Ninguén falaba, ninguén cantaba, ninguén ría e ninguén choraba. Naquela cidade unha morea de persoas camiñaba da casa para o traballo e da escola para a casa… sen parar. Non había unha soa flor, non habitaba unha soa árbore. Non había lugar para a natureza. Pero todas as mañás pasaba o vendedor de paxariños cargando unha fermosa gaiola de portas abertas con paxariños libres de cores alegres a voar arredor. Collía unha guitarriña e acompañaba o frenético chiar da paxarada e, ao seu arredor, o mundo transformábase nunha fábula.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*